As escolas de Retrouso xa están un ano máis en marcha. O grupo de Cela conta este ano con máis dun cento de alumnos e un total de nove profesores para as áreas de baile, canto e pandeireta, gaita, percusión e acordeón. A modo de presentación está a facer unha serie de concertos didácticos, como que se celebrou onte no colexio de A Pedra, para achegar aos máis pequenos os instrumentos e ritmos tradicionais galegos.

As escolas de Retrouso apostan pola calidade mesturada cunha "boa dose das mellores esencias da tradición: a festa e o compañeirismo", explica Rubén Bastón, un dos responsables da asociación cultural.

Unha das novidades deste ano é a incorporación de tres novos docentes, que significan un importante salto cualitativo na formación das escolas. A viguesa Xela Conde será a nova responsable das clases de perfeccionamento de canto e pandeireta. Conde pasou por grupos como Avalon, Sondeseu ou Pink Roe e é unha das "mestras máis recoñecidas do país". Foi directora das escolas do Fiadeuro de Vigo e estivo tamén en Tradescola de Lugo ou a Trad de Vigo.

A segunda das novidades é a chegada de Álex Balbuena, que será o novo mestre de acordeón e que ten unha ampla experiencia, amáis de ser autor de sendos libros-cd sobre método para acordeón tradicional e folc galego. O terceiro dos novos mestres é Pablo Fernández, que entra como docente de gaita. Deste xeito completan un equipo que xa integraban Miguel Sotelo e Débora Pena en baile; Patri Comedeiro en gaita para nenos; Tania G.Ruibal e María Menduíña en iniciación de canto e pandeireta; e Julia Feijóo en percusión tradicional.

No concerto didáctico de onte no colexio de A Pedra estiveron Julia Feijóo e Patri Comedeiro, que con dúas sesións diferentes foron as encargadas de presentar ao alumnado unha parte do traballo de Retrouso e animalos a formar parte das súas escolas. A asociación de Cela ofrece ata 18 horarios diferentes, separados por área temática (baile, canto e pandeireta, gaita, percusión e acordeón), iade e nivel.

As clases desenvólvense na parroquia de Cela, que funciona como un especie de punto de conexión para o alumnado de todo O Morrazo. Os interesados poden obter máis información na web e no Facebook de Retrouso ou chamando ao 647 607 467 (Débora).