Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1960-1975 (III)

As festas do Catecismo no Cruceiro eran auténticas veladas teatrais que perduraron á división parroquial de San Martiño

Mocidade de S. Martiño diante da Casa da Fábrica: Francisco Pena (Paco Cobas co balón. Seminarista), Luis, Ramiro, Manuel, Bernardino, José Antonio, Collazo, Benito, Cándido, Juan e Cobas. Anos 60. /A.C Nós

Un grupo de personalidades dos emerxentes barrios de O Con, A Praia e A Seara van asumir a iniciativa do presidente do Pósito moañés, D. José Costa Alonso que desde 1942 insistira na conveniencia de edificar unha igrexa na Praia. Despois de varias fases e xestións o cardeal arcebispo de Santiago D. Fernando Quiroga Palacios bendice en 1961 o templo con advocación á virxe do Carme, dependente da matriz de San Martiño ata agosto de 1964, cando eclesiasticamente foi definida como parroquia, en tanto que a administración oficial local segue considerando unha única freguesía de Moaña con dúas parroquias

Esta división parroquial supuxo para San Martiño unha gran diminución de fregueses, especialmente infantís que abarrotaba o adro de arriba, ao arredor da Casa da Fábrica, como ben describe Celso Parada: "As veladas facíanse ao pé da igrexa de San Martiño. Era como o teatro medieval. Os cómicos montaban o palco de madeira, a xente traía sillas e banquetas para sentarse. Levaba a merenda. Asistían os rapaces e a xente toda. Era un acontecemento. Había unha expectación tremenda. O camarín era na Casa da Fábrica, onde se gardaban os santos, o atrezo da igrexa... E para representar saïamos ao palco de madeira que estaba montado diante da porta da casa da fábrica que dá ao adro da igrexa."

Pero apenas supuxo alteración ningunha en canto á organización das festas do Catecismo e por conseguinte as veladas teatrais tiveron continuidade, polo menos ata ben avanzada a década dos setenta, a pesar da diminución do fregueses, porque os barrios de Abelendo, Casal, Ameixoada, Cruceiro, Figueirido, Outeiro etc. seguían aportando o capital humano dos seminaristas, como quedou dito, verdadeiros dinamizadores destes eventos, os cales se poden considerar a xénese do actual elenco de actores e actrices que aporta o concello de Moaña ao mundo profesional desta arte.

Existe pois, unha continuade entre os seminaristas anteriores como Manuel Iglesias , Pucho del Río (de Venturiña), Ricardo Vidal (de Fames), que xa exercía de cura na parroquia ata o seu traslado sobre 1967. E xa a partir dos anos 60 aparecen novos seminaristas como Pepe Pena (Cobas), José Benito Rodríguez Parada (Pepe), Francisco M. Pena (Paco Cobas), Cándido Pena Paz, Xosé Antón Parada e máis tarde seu irmán Celso (Sito).

Sainetes

A comezos dos anos 60 seguían interpretando sainetes e obras humorísticas inventadas ou improvisadas por eles mesmos e, na medida que ía avanzando a década dos 60, íase notando a influencia no contido social da nova xeración de seminaristas. Isto comprobarase máis adiante cando as obras da Biblioteca Salesiana ían sendo substituídas por unhas de composición propia e outras de autores coñecidos como Alfonso Paso, Castelao ou Manuel María, por exemplo.

Ricardo Vidal foi a ligazón entre os veteranos e novos seminaristas. Gran amante, excelente director e promotor do teatro nas festas do catecismo no Cruceiro, contou coa colaboración de moitos veciños como José Del Río, Rosa de Mercedes, Matilde Nores Acuña (Loña), Sergio Martínez Villaverde (de Alcira), José Benito Rodríguez (Pepe Parada), Franciso M. Pena (Paco Cobas) e seus irmáns Santi e Pepe, Xosé Antón e Celso Parada, Cándido Pena Paz, Lolo Rodas (Caícho), Manuel Iglesias Martínez, Piño Fernández (Lelo), Carlos e Isabel Collazo Gestido, Fita Collazo e seu irmán Fernando Filiberto, Isabel (Malagueña), Clarita e Rosita Núñez Tenorio, Julio Magdaleno Paz, Gonzalo e Rodrigo Chorén (de Paxarín), Manuel Álvarez e Isabel Cruz entre outros.

Jesús Tenorio cantou na festa do catecismo de 1958 parte da zarzuela El Paragüero, de Sartie e Cándido Pena Paz repetiuna na de 1963.

Yo soy un pobre paragüerito.

Tengo mucha hambre y voy descalcito.

Yo arreglo fuelles y barriñones,

Paraguas, baldes y tarterones.

Mis ingeniosas habilidades,

yo quien pregono a la vecindad,

y ellas se mueven a compasión,

de mi tristeza y a triste son.

¡El paragüeroooo...............!

Gustou moito o sainete Seis retratos, tres pesetas, de Antonio J. Onieva, por Ricardo Vidal, Manuel Iglesias e Pucho del Río entre otros. Ricardo Vidal recórdanos que montou unha obra chamada El Retratista, con guión propio e actuou conxuntamente con Benito Paz Trelles.

Vaya Criada (ou Chicas de Hoy), resultou unha pequena comedia na que comezou a servir unha moza de aldea que entendía as cousas a súa maneira. Sirva de exemplo: cando a señora lle pedía que trouxera manzanilla da tenda, ela traíalle unha mazá pequeniña, ou se lle encargaba medias de cristal, aparecíalle cunha botella. Esta obra foi escenificada en 1964 e levada ao festival da Primeira Semana da Xuventude que se fixo na Praia, interpretada por Isabel Collazo Gestido no papel de criada e Isabel Cruz (de Castora) de señorita.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo

Compartir el artículo

stats