Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vituco Neira: "Agora hai grupos en galego de todos os estilos e de moita calidade, pero falta chegar ao gran público"

O líder da banda que encabeza esta noite o cartel da XVII Festa Folc de Vilariño destaca a cantidade de público deste evento

Un concerto de Ruxe Ruxe en Pontevedra con Vituco Neira á guitarra. // Noé Parga

A praia de Vilariño volverá a encherse esta noite, a partires das 22.00 horas, no prato forte dunha semana chea de actividades organizadas pola Asociación Cultural O Gato. Trátase da XVII edición da Festa Folc de Vilariño, un dos eventos que reúne a máis xente de toda a comarca e que xa é un fixo na programación cultural de cada verán. Estilos do máis variado, dende a música de raíz ata o punk, pasando polo rock, protagonizarán a velada. O Leo i Arremecághona, Os Carapaus, Riobó e The Fatty Farmers subirán ao palco antes de que a festa a pechen os Ruxe Ruxe, un clásico xa da Festa Folc que mestura guitarras, gaitas e letras de alto compromiso social.

Vituco Neira é o cantante de Ruxe Ruxe, que levan 20 anos enchendo de rock os escenarios de todo o país.

-Xa tocaron na Festa Folc de Vilariño en varias ocasións. Qué ten este festival que vos atrae tanto?

-En 20 anos de grupos xa repetimos en varios festivais (risas). A primeira vez que fomos ao de Vilariño alucinamos. A xente de O Gato ben o sabe. Chegamos alí e pensamos que iamos a estar nós sós. E cando saímos a tocar había miles de persoas. Alucinamos. E dende entón foi así todos os anos A nós nos gusta moito ir xa o sábado pola tarde. Estamos alí coa xente nas cantinas. Xa temos moitos coñecidos e é como tocar na casa. Estamos moi apegados emocionalmente ao festival. Só nos falta empadronarnos en Vilariño para poder votar alí (risas).

-Ruxe Ruxe naceu en 1996. Teñen unha traxectoria dilatada. Como evolucionou o rock en galego dende os anos 90 ata agora?

-Eu creo que o máis salientable é que a xente nova e os grupos que se incorporan á escena cada vez son mellores. Nós compartimos escenario cun montón de grupos e vemos que cada vez a xente nova toca mellor. Vivimos nun momento de grande saúde para a música do país. Un momento bastante doce en canto ás propostas e a súa calidade. Aínda que non tanto en canto a popularización da música en galego. Andamos un pouco coxos. Os medios non fan demasiado caso aos grupos en galego e sempre estamos pelexando para non cair no ostracismo.

-Seguramente este sexa o mellor momento do rock en galego, aínda que esta época non teña o romanticismo da época do bravú.

-Cando nós comezamos os grupos que cantaban en galego se contaban cos dedos das mans. Esa era a realidade. E aínda houbo momentos peores, que eran de auténtica travesía polo deserto. Agora a verdade é que hai un montón de propostas facendo música en galego. Non solo rock, senón de todos os estilos. A diversidade estética e de discurso variou un montón. Daquela todos tiñamos tintes máis políticos e reivindicativos. Agora hai xente facendo música en galego para todos os gustos, dende pop a rap ou música tradicional, jazz? É unha marabilla. Falta que o consolidemos facendo chegar aos galegos que existen tantas bandas cada vez mellores e que en vez de consumir música de fóra consuman música do país. É o que falta, consolidar ao público. Despois nos festivais a afluencia de xente é moi alta e a xente encántanlle os grupos en galego. O problema é que non os coñecen.

-Ruxe Ruxe ten 10 discos. Como se pode ser tan prolífico?

-Porque nos gusta moito. Nós ensaiamos todo o ano, haxa ou non concertos. E levamos así 20 anos. Todas as semanas dúas ou tres veces estamos un montón de horas. Nos gusta moito facer cancións e cando non é época de concertos facemos cancións novas e as gravamos. Pero facer 14 ou 15 cancións ao ano non é ser tan prolífico (risas). Pero somos moi botados para adiante. Sempre nos gusta gravar todo o que imos facendo. Disfrutamos moito dunha maneira activa.

-E despois de 20 anos queda corda para rato, non?

-Si. Á volta do verán temos outro disco que xa está gravado e debería saír á venda. A nosa idea é continuar uns anos máis. Levamos 20 anos pero sacamos tres discos nos últimos cinco anos. Agora imos sacar outro e temos tamén un directo gravado na praza da Quintana que queremos editar, aínda que dependemos das cuestións económicas. Estamos vivos, non somos un grupo que saca un disco cada 10 anos ou que vive dunha canción boa dende hai décadas. Ademáis cremos que cada disco é mellor e aínda temos a idea de facer un día un disco realmente bo, o noso mellor traballo. Aínda temos que aprender moito.

-Ruxe Ruxe están moi solicitados noutras zonas do Estado ou todavía quedan prexuízos sobre a música con letras en linguas cooficiais do Estado?

-Ao longo destes anos tocamos en moitos festivais fóra e sempre nos trataron moi ben. Pero é certo que a crise fixo que moitos festivais non teñan tantos cartos e iso prexudicounos un montón. Nos chaman menos para tocar en Euskadi, Cataluña ou Cantabria, que eran sitios nos que antes iamos con certa asiduidade. Este ano estivemos en Bilbao, pero facía uns anos que non nos chamaban. Os grupos dependemos de que nos chamen e agora contratar a grupos de fóra non é barato. Agora tampouco facemos aventuras como ao principio. Imos a festivais que sabemos que teñen xente. Non podemos deixar de traballar para tocar en garitos pequenos para 20 persoas, como ao principio.

Compartir el artículo

stats