A Asociación Amadeirarte está preparando xa a quinta edición da súa Mostra de Tallistas e Amantes da Madeira, que se vai inaugurar este mesmo venres na Capela do Hospital de Cangas. Este ano vai ser unha mostra especial porque vai estar adicada ao poeta cangués Bernardino Graña, que ademais estará presente no acto.

"Vai ser unha mostra homenaxeando ao noso poeta Bernardino Graña, dándolle forma coa madeira aos seus fermosos contos e poesías", avanza a presidenta de Amadeirarte, Valentina García Abalo. O acto inaugural vai ser o venres a partir das 20.00 horas e como invitados estarán o propio Bernardino Graña e o concelleiro de Cultura, Héitor Mera, que un dos maiores estudosos da obra do poeta cangués. A mostra do ano pasado estivo adicado a outro gran artista cangués, o escultor Xoán Piñeiro.

A exposición vaise poder visitar de luns a venres en horario de 18.30 a 21.30 horas e os sábados e domingos de 12.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas. Entre os actos paralelos á esta quinta Mostra de Tallistas e Amantes da Madeira destaca tamén a presentación do libro "Histiria e técnica da talla de madeira", da propia Valentina García Abalo. Esta presentación será o xoves 18 de agosto a partir das 20.30 horas na propia Capela do Hospital.

Nesta ocasión colaboran con esta exposición o Concello de Cangas, Asociación Cultural A Cepa, Asociación Cultural O Arco de Vilanova, Asoiciación Cultural Eiravella de Donón, bar Area Brava, restaurante Cabo Home, bar La Curva de Nerga e a empresa Construcións Piñeiro de Nerga.