Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro no Morrazo 1960-1975 (II)

A escena social e cultural estaba marcada polos posicionamentos da Igrexa, o rol dalgún profesorado e as asociacións culturais

Exposición do libro galego na Universidade de Salamanca no 1968. Arquivo do autor

Compañeira:

Nesta noite escura e bretemosa

na que sai camiñando o noso espíritu

vese un raio de sol, vese unha rosa

que abrirá, no mencer, novos camiños.

(Manuel María /poemas ditos coa súa voz/ Edigsa/Xistral 1968)

O Concilio Vaticano II (1962-1965) abriu dentro da Igrexa Católica correntes de "aggiornamento" que deron lugar a un movemento cristián de base que vai ter unha gran influencia na evolución do noso país. A Igrexa oficial quería seguir mantendo o seu poder e hexemonía fortemente comprometida desde os comezos da Guerra civil coa Ditadura. Igrexa Católica e Franquismo prestáranse apoios mutuos e non era doado separar a unha do outro. Pero en sintonía coas novas directrices eclesiais xurdidas do Concilio, unha parte da Xerarquía comezou a comprender que o seu apoio incondicional á Ditadura xa non era de recibo, consciente ao mesmo tempo de que a sociedade afastábase imparablemente do Réxime co que estaba tan identificada.

Esta renovación impulsada polo Papa Xoán XXIII chegou ás parroquias da comarca con novos cregos progresistas: Furelos no Hío, Eduardo Mallo en Cangas, por exemplo, que estableceron outro tipo de relación cos fregueses a través da actividade litúrxica e socio-cultural. Houbo tamén algún "cura obreiro" como Manuel Duarte de Meira que traballou na cooperativa do mexillón e era un activista cultural e antifranquista.

Estes novos cregos cedían os seus locais para xuntanzas e impulsaron a Hermandade Obreira de Acción Católica (HOAC) e a Xuventude Obreira Católica (XOC) cuxo idealismo levou a moitos xoves a participar decididamente no loita contra o franquismo.

Manuel Rúa no libro citado escribe: "os espazos e as organizacións creadas polos membros deste enfoque renovado da Igrexa Católica, foron moi importantes para a difusión de hábitos como a reunión, o debate, a información máis aberta do permitido, lugares de sementeira de ideas e organizacións clandestinas antifranquistas como o PC ou a UPG."

Claro que "non son tantas as noces coma as voces" e había cregos que non querían renunciar ao control ideolóxico. Conta Isabel Lorenzo que como formara un grupo de teatro con compañeiras e compañeiros de Tirán, a súa nai tivo que escoitar desde o púlpito da igrexa tremendas amoestacións e censuras porque "qué farían xuntas mulleres e homes ensaiando polas casas?" O señor cura non podía admitir que a xuventude non lle fose á catequese.

Por outra banda tamén houbo diferentes posicionamentos eclesiásticos sobre a utilización da lingua galega na liturxia. O Concilio Vaticano abordou de modo decisivo e aberto a cuestión das linguas na liturxia e ao longo do ano 1964 no ámbito do estado español os bispos da área castelán adotaron esta lingua como lingua fundamental da liturxia e os das áreas catalá e basca as sús respectivas linguas autóctonas. Mais en Galicia o bispado adotou o castelán mesmo omitindo facer referencia á existencia dunha lingua nativa. Será en 1969 cando se fai pública a autorización oficial e plena do uso do galego para a liturxia. Claro que tamén houbo cregos que o fixeron antes como foi o caso de Manuel Duarte en Meira ou o Padre Seixas en Vigo.

Compromiso do profesorado

Para comprender mellor a escena social do momento hai que ter en conta o que supuxo a aprobación da Lei Xeral de Educación (LXE) de 1970 que reformou todo o sistema educativo. Impuxo o ensino obrigatorio até os 14 anos cursando a Ensinanza Xeral Básica (EXB) durante oito anos. Despois desta etapa accedíase ao Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) ou a Formación Profesional (FP).

No curso 1970-71 comeza a funcionar o Instituto de Bacharelato de Rodeira en Cangas. É o primeiro centro público de bacharelato de O Morrazo e ademais mixto. Antes as poucas mozas e mozos que estudaban facíano por libre en academias privadas. Ían a Vigo ou aos Paules de Marín. E as mulleres na Compañía de María de Cangas. Por citar outro exemplo da importancia que supuxo a implantación da LXE na comarca: en 1972 inaugurouse en Moaña o Colexio Público Nacional Amador Montenegro, coñecido popularmente como Colexio Reibón.

Pois ben tanto no caso do Instituto de Cangas como no Colexio Reibón haberá un profesorado que, ademais das súas clases, organizará actividades extraescolares e promoverá a cultura ofrecendo o centro educativo para o seu desenvolvemento.

No Instituto de Cangas a presenza, entre outros, de Carlos Casares, Francisco Rodríguez, César Varela vai supor un apoio a difusión da literatura e da cultura galega entre o alumnado. Sei por conversas que, por exemplo, César se prestaba co seu coche, un "tiburón", a levar xente do grupo de teatro ás representacións ou que organizaba excursións co alumnado interesado en coñecer o patrimonio cultural galego: os lugares nos que se traballaba a cerámica popular, os castros, a arquitetura galega etc. Ás veces ían acompañados por Felipe Senén, especialista en Historia da Arte, Museoloxía e Arqueoloxía.

Un grupo de profesoras e profesores de Reibón e doutros colexios moañeses como Laura Sarmiento, Elisa de la Peña, Miguel Pérez ou Manuel Méndez, xuntamente con outras persoas, dinamizarán o Ateneo de Moaña e programarán teatro no salón de actos do Colexio Reibón e no desaparecido Cine Prado como leremos en próximas entregas.

A Escena Cultural

2o anos despois da desfeita política e cultural provocada pola Guerra Civil, as primeiras asociacións culturais fundadas nas cidades e nas vilas de Galicia foron capaces de dar pasos pioneiros e determinantes para a defensa e a promoción dos valores culturales do pobo galego. Sociedades culturales animadas especialmente pola mocidade que ía espertando á toma de conciencia e que se amosaba inqueda polo porvir da súa Terra.

E isto acontecía de Compostela a Moaña, da Coruña a Ourense ou de Ribadavia a Ribadeo.

No abrente de 1961 inicia a sú andaina en Compostela a Agrupación Cultural o Galo; en 1963 nace a Agrupación Cultural O Facho en Coruña; en 1967 fúndase a Agrupación Cultural Auriense en Ourense e Abrente en Ribadavia en 1969. Nos anos 70 nace a asociación Francisco Lanza en Ribadeo. O Ateneo de Moaña xorde no ano 1967 e nos seus comezos serán Manuel Piñeiro e Gonzalo Riobó os dinamizadores.

O traballo asociativo realizado dirixíu o seu maior esforzo ao coñecemento, dignificación e reivindicación do idioma.Mediante a realización de centos de cursos do seu ensino e numerosos de literatura de Galicia, ciclos monográficos sobre a realidade socioeconómica e do nacionalismo, concursos literarios, recitais de poesía e de nova canción galega e folk.

Entendeuse a defensa do galego como un acto reivindicativo de liberdade e de identidade.

Nesa etapa moitos dos responsabeis do funcionamento dos grupos organizados tomaron parte activa na oposición á ditadura,na axitación no terreo cívico e na creación dos primeiros xermolos de grupos políticos e sindicais que xa citamos con anterioridade. Foi un periodo de febril exaltación mais tamén de moitas detencións, xuizos e encarcelamentos.

Coa actividade desenvolta nos primeiros 15 anos logrouse unha concienciación e dinamización en moitos sectores da vida galega como non acontecera endexamais.

Polo demais o asociacionismo chegou máis aló da Canda e do Padornelo. Un grupo informal nomeado "os galegos de Salamanca", nutrido de estudantes universitarios maiormente da Universidade Pontificia entre os que se encontraba quen esto asina, de 1968 a finais dos setenta do século pasado, desenvolveu unha intensa actividade galeguista: Exposición do Libro Galego- apoiada por José Luís Pensado catedrático de Filoloxía Románica- na Universidade de Salamanca; lectura dramatizada de "A revolta" de Jenaro Mariñas del Valle no Centro Galego, edición ciclostilada e clandestina de A Nosa Terra onde se recollían os resultados do Estatuto de Autonomía de 1936,etc.

Se ben os tempos desa etapa foron arriscados e cheos de obstáculos o pulo xuvenil e a teimosía que alentaba nos seus responsabeis lograban superar a maioría das veces os atrancos e arbitrariedades das autoridades franquistas desconcertadas en moitas ocasións pola vigorosidade e polo activismo das mocidades, das que non eran capaces de neutralizar ou mingoar o eco dos seus traballos concienciadores. Había moita confianza no futuro.

Ademais das actividades mencionadas e levadas adiante polas sociedades culturais houbo algunha asociación que lle prestou especial atención á promoción do teatro en galego valorando a importancia do idioma como vehiculo de transmisión dramática tanto desde o punto de vista de creación literaria como de recepción do público. Neste sentido será o teatro un dos medios máis comprometidos coa defensa e promoción da lingua

Un exemplo desta atención prestada ao teatro será O Facho que dous anos despois da súa fundación tiña xa o seu grupo de teatro. E anos despois, en 1973 convocou un Certame, o primeiro en Galicia, de Teatro Infantil no que levará unha mención "Sinfarainín contra Don Perfeuto" de Bernardino Graña.

Este mesmo ano a Asociación Cultural Abrente organizará a Mostra de Teatro Galego de Ribadavia un referente fundamental para comprender o teatro galego contemporáneo do que foi promotora e ao tempo catalizadora. A Mostra coñeceu as disputas do posibilismo e da diglósia, reflexou a pugna nacionalista e veu aparecer o teatro profesional.

Despertaba tal interés entre a xente de teatro que alá foi Celso Parada en 1975 co seu compañeiro de facultade Camilo Valdeorras en auto stop e cunha tenda de campaña que lles prestara Miguel Pérez, o mestre de Reibón. Asistiron ás representación seguidas de colóquios, ós apaixoados debates nas asembleas e por suposto tamén na taberna do Papuxas.

Coincidencias da vida faranduleira. Aproximadamente por esas mesmas datas este cronista representaba na Mostra " Unha vez foi o trebón" de Manuel María co Grupo de Teatro Xosé Antonio Vergara da Universidade Laboral de A Coruña.

O mundo editorial

Outro dato a ter en conta para a comprensión do momento é a existencia das empresas editoriais.

En 1955 a fundación da Editorial Galaxia por, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro vai supoñer para Galicia, nesa longa noite de pedra, a recuperación da voz para reclamar os dereitos da súa personalidade colectiva e vai ser tamén un elemento aglutinador da intelectualidade galeguista tanto do interior como do exilio.

Sempre claro está baixo o temor á espada da censura franquista que vai estar atenta non só a cuestións políticas que cuestionen o rexime ou a moralidade do nacional catolicismo senon tamén ao feito mesmo de editar en lingua galega.

Compre subliñar que nesta editorial Bernardino Graña Villar publicará en 1962: "20 mil pesos crime" a súa primeira obra de teatro que comentaremos no seu momento.

Ademais de Galaxia houbo outras iniciativas como a Editorial Castrelos (1964) e Edicións do Castro (1963) que alimentaron ás ansias de coñecemento, en galego, dunha minoría significativa do país. No primeiro caso o responsable foi Xosé M. Álvarez Blázquez que botou a andar a colección O Moucho unha colección de libros pensados para un consumo popular e de masas. De "O catecismo do labrego" de Valentín Lamas Carvajasl chegaron a venderse 15 educións.

Isaac Díaz Pardo foi o inspirador da segunda editora interesada na recuperación da memoria histórica de Galicia, no estudo da realidade actual e na divulgación científica das nosas bases económicas e das nosas formas culturais.

E cando non se podian conseguir libros prohibidos: "Sempre en Galiza" de Alfonso R. Castelao editado en Arxentina ou "Galicia hoy" editado en Francia sempre había valentes libreiros que o tiñan na trastenda.

Compartir el artículo

stats