Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro no Morrazo 1960-1975 (I)

As transformacións políticas e socioculturais nestes quince anos van cambiar a vida cotiá e o emprego do tempo de lecer

O Seat 600 foi o símbolo do desarrollismo na sociedade española. /Miguel Muñiz

Debido á lonxevidade do franquismo a relación entre a xente e a ditadura foi plural, variable e complexa. Desde o punto de vista político poderíase dicir que nos anos 60 o Réxime abandona os seus aspectos formais máis fascistas a prol dunha aparencia cristiá e anticomunista. O peor da represión contra os vencidos xa pasara, aínda que o medo e o silencio sobre o acontecido dominaba ás familias das xeracións da posguerra. E por suposto mantíñase a represión, a censura e a desinformación. Quedaban aínda 15 longos anos de noites de pedra. Mais desde o punto de vista político a ditadura recibe o apoio do Vaticano e xa en 1953 asina unha alianza formal con EEUU que trouxo axuda financeira a cambio da cesión de territorio español para bases militares americanas. No entanto a historia social e económica do franquismo é máis complexa pois inclúe tamén a transformación dun país esencialmente agrario a outro urbano e moderno á morte do ditador en 1975.

A maioría dos estudosos estiman que houbo tres etapas: A primeira abarca até 1952 e estivo marcada por unha política autárquica ou de subsistencia na que a privación de produtos de primeira necesidade causou unha fame negra xeneralizada. A segunda etapa, entre 1952 e 1959 supón unha resposta reactiva e desganada as absurdas medidas autárquicas anteriores pero sen desmontar o sistema. E o terceiro e último período inaugurouse co Plano de Estabilización de 1959. E aquí estamos.

O Plano de Estabilización supuxo a fin da política autárquica e o inicio dunha época marcada por un forte desenvolvemento económico, que foi acompañado de importantes transformacións sociais a pesar de que os principios ideolóxicos do réxime seguirán invariables.

A década dos anos sesenta, tanto pola propia evolución interior da sociedade como polo efecto da influencia exterior (chegada de turistas, emigración a Europa€) marcou con claridade o cambio entre a posguerra e o "desarrollismo". A entrada no goberno de técnicos en economía e finanzas (Opus Dei), xunto co clima xeral europeo de crecemento facilitaron unha época marcada pola euforia, o crecemento económico xeneralizado e os cambios sociais.

En Galicia, este desenvolvemento económico non xerou unha burguesía activa, organizada e concienciada como forza económica e política. Así, a diferenza doutras nacionalidades históricas, a burguesía galega non foi quen de articularse como forza política autóctona.

O modelo de desenvolvemento económico español estaba baseado nos intercambios comerciais, no investimento estranxeiro e no apoio ao turismo e á emigración. No entanto en Galicia non se investiu máis que un 2,9% do total do capital estranxeiro; o turismo tivo moi escasa incidencia e unicamente se desenvolveron os intercambios (exportación e remesas de divisas dos emigrantes).

A emigración galega agora oriéntase fundamentalmente cara a Europa. Trátase dunha emigración que permanece fóra menos tempo, que envía numerosas divisas e que inviste, nunha grande proporción en bens inmobles nas cidades, co que se converten en positivos factores de reactivación económica. Outro efecto dos investimentos dos emigrantes foi o aumento dos depósitos financeiros pero a Banca galega non os empregou en xerar riqueza en Galicia senón que serviron para financiar empresas de fóra

Porén e a pesar desta transformación económica, as bases do réxime foron as mesmas: non se ampliaron as liberdades, a opción política seguiu sendo única e tamén a sindical. Igrexa e policía seguiron exercendo un ríxido control sobre o pensamento.

Contestación na rúa

Mais a sociedade xa non era a mesma. E comezou a contestación política polo menos entre os traballadores e estudantes.

No ano 62 xa houbera un intento de Folga Xeral Política coa estratexia de derrocar a ditadura a base da mobilización de masas. No 66 fúndanse as Comisións Obreiras de Galicia con presenza en fábricas e estaleiros de Vigo, cidade na que traballan moitas persoas da contorna.

No libro "Domingos de calcetíns brancos" de Manuel Pérez Rúa pódese ler unha testemuña de Ceferino Sánchez Gestido (Finín): "Eu empecei a traballar no estaleiro en Barreras no 71 e o primeiro que notei, Santiago Carrillo por aquí , Santiago Carrillo por alဠeu nunca oíra falar del€ nas fábricas había unha conciencia revolucionaria bestial€"

As relacións laborais e reivindicativas que se establecen nos lugares de traballo son o camiño cara a unha maior politización que chegará a un punto álxido na folga xeral de Vigo en 1972 que chegou sumar máis de 15 mil traballadores algúns deles do Morrazo. As mobilizacións comezaron coa reivindicación do comité de empresa de Citroen Hispania de Vigo que dentro do Convenio reivindicaba a xornada de 44 horas. Os paros levaron aos despedimentos e os despedimentos á mobilización buscando a solidariedade de Barreras, Reyman, Ascón e Vulcano. En marzo de 1972 houbera outra Folga Xeral en Ferrol polos asasinatos dos traballadores de Bazán Amador e Daniel.

O movemento estudantil de protesta manifestouse en marzo de 1968 na Universidade de Compostela. Unhas eleccións gañadas polo Sindicato Democrático Libre que non foron ben aceptadas polas autoridades académicas, levaron a Asembleas de estudantes que foron prohibidas chamando incluso á policía, aos "grises" como se lles chamaba. Manifestacións na rúa en protesta e detencións policiais€ un rosario de loitas pedindo liberdade, liberdade, liberdade! E cantando o "Venceremos": Venceremos nós,/venceremos nós,/ algún día venceremos/ Collidos das mans,/collidos das mans/ coas mans de todos faremos/un camiño na noite;/ dime o corazón/que algún día venceremos. Entre os líderes estudantís que cantaban nas manifestacións estaba, entre outros, Emilio Pérez Touriño, delegado da Facultade de Económicas. Por certo esta rebelión estudantil é anterior ao famoso maio de París aínda que as circunstancias eran diferentes pois aquí estabamos nunha ditadura.

En 1964 fúndase a Unión do Povo Galego (UPG) e en 1972 Estudiantes Revolucionarios Galegos (ERGA), organización nacionalista que vai ter unha enorme influencia entre os estudantes de bacharelato en Cangas. Celso Parada (Sito) vinculado de estudante a este sindicato desenvolverá unha intensa actividade cultural e teatral en Cangas e Moaña pois unha das funcións destas organizacións era motivar aos estudantes para que se asociasen e defendesen a cultura galega. Un feito que como tal xa era político e de oposición á ditadura franquista.

En 1968 nun Congreso celebrado no exilio en París fúndase o Partido Comunista de Galicia (PCG) e uns anos antes en 1964 foi o Partido Socialista galego (PSG). En 1975 creouse a Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG) que celebrou o seu primeiro plenario en abril de 1976 chegando a escindirse pola banda dun sector que consideraba á ANPG excesivamente ligada á UPG. Estes "disidentes" organizaron a Asemblea Popular Galega (APG).

É obrigado citar estes movementos políticos porque ademais de ser oposición á ditadura incidiron dun xeito ou outro na vida cidadá da comarca e compre telos en conta á hora de explicar as diferentes dinámicas nas actividades culturais e entre elas o teatro.

Dúas anécdotas poden aproximarnos ao vivido nesas circunstancias. Nunha ocasión, comenta Celso Parada, quixo montar "A morte dun anarquista" de Dario Fo e tivo problemas na súa "célula" de ERGA porque lle esixían que cambiase o título da obra poñendo en vez de anarquista, comunista. E a segunda oínlla a Pedro Pablo Riobó quen comentaba as dificultades que as veces había para programar teatro con algún grupo de Vigo porque eran do PCE.

Compartir el artículo

stats