"Unha visión contemporánea dos versos de Manuel María para as nenas e os nenos do século XXI a través da cal se tratan os temas que el vivía con paixón: o espazo vital, a terra, a lingua e a identidade". Con esta tarxeta de visita preséntanse hoxe Magín Blanco e Uxía Senlle para ofreceren, ás seis da tarde no Auditorio de Cangas e con entrada de balde, o concerto Todo me fala de ti. "Unha globalidade de ritmos e estilos musicais para vestir os versos de Manuel María que abrangue desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e o rock, pasando polos aromas da canción de autor e os aires latinoamericanos do tango e o son cubano", sinalan.

Esta proposta musical está composta por cancións de Canta o cuco, libro que presentará Galaxia no mes de decembro e no que renden homenaxe ao autor das Letras Galegas 2016 e cuxo título alude ao canto do paxaro como símbolo de confianza no futuro e vínculo de compromiso e espertar da enerxía da natureza e a terra: "O ciclo da natureza que se reencontra consigo mesma, a música das esferas", inciden os promotores.

Os poemas escollidos son unha escolma dos libros de poemas escritos por Manuel María para a infancia, como As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola, e tamén de Terra Chá e Os lonxes do solpor, donde se tratan os temas que el vivía con paixón, como o espazo vital, a terra, a lingua e a identidade. A eles engádese unha creación propia de Maxín e Uxía. "Todo me fala de ti", canción que dá título a esta proposta e a través da cal os autores dialogan co universo do poeta e coa súa rica e complexa personalidade. Os tamén creadores de A nena e o grilo e María Fumaça producen esta nova proposta musical acompañados polo acordeonista Santi Cribeiro. O concerto forma parte do FalaRedes, programa de dinamización linguística da Consellería de Cultura, con entrada libre ata completar o aforo.