| A XXIX Semana Cultural e Letras Galegas do colexio de Beluso contou onte coa presenza de dous veciños naturais da parroquia. O primeiro en achegarse ata o centro foi o subdirector de FARO e presidente da Fundación Novas, Jesús Portela, que lles falou ao alumnado de 4º,5º e 6º de Primaria sobre esta fundación benéfico-docente. A entidade foi creada por José Novas Regueira en 1993 na honra do seu pai, José Novas García, co que emigrara aos Estados Unidos na década de 1930. Ambos eran naturais de Beluso e José Novas Regueira acadou un gran éxito e recoñecemento profesional no continente americano dentro do mundo da publicidade e da comunicación.

Pola tarde foi a quenda da xoven poetisa Miriam Ferradáns Ferradás, que foi alumna do colexio de Montemogos e que nos últimos tempos vén de gañar importantes premios poéticos. Recitoulle ao alumnado algúns dos seus poemas e compartiu con eles algunhas anécdotas, como o feito de que foi un profesor do centro, don Luis, o primeiro que a animou a presentar o seu traballo.

Os actos da Semana Cultura seguen hoxe cunha conferencia de Ángel Carracedo, recoñecido xenetista da Universidade de Santiago.