Este 2016 foi declarado como Ano Castelao e entre as iniciativas relacionads co escritor e político galeguista destaca a elaboración dunha unidade didáctica para os escolares chamada "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao". A iniciativa foi presentada na última edición de Culturgal e onte fíxose unha presentación especial no Centro Social do Mar de Bueu posto que os seus autores son profesores no IES Illa de Ons da vila. Trátase dos docentes Diana Vilas, Laura Carpente, Óscar Rodríguez e Manuel Rodríguez. Xunto a eles estivo do deputado de Cultura e Lingua da Diputación, o buenense Xosé Leal

Esta unidade didáctica vai ser distribuída nos centros educativos de toda a provincia. O seu contido recolle diferentes aspectos da vida diaria nos comezos do século XX que aparecen nos debuxos de Castelao e búscase que os alumnos establezan relacións coa actualidade. Este instrumento pedagóxico está orientado ao alumnado de secundaria e foi concebido para ser traballado de maneira transversal, dende planos como a literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais. A unidade didáctica incorpora recursos multimedia e ferramentas vencelladas coas novas tecnoloxías da comunicación. "Non se trata dun libro de texto ao uso, senón que se guía ao alumnado para que constrúan os seus propios contidos de xeito participativo", explicaron onte. O traballo está estruturado en seis capítulos: "A vida no fogar", "A vida na escola", "O tempo de traballar", "A Galiza de Alfonsiño", "A evolución e as transformacións políticas" e o último ten como protagonista ao Museo de Pontevedra. Neste traballo colaborou a Diputación de Pontevedra e a unidade didáctioca foi editada polo seu Servizo de Publicacións.