Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O documento máis antigo que menciona a Cangas O documento máis antigo que menciona a Cangas

As identidades de Varela e Joham de Cangas

O investigador Dasairas indaga na identidade do nobre que recibiu a herdanza de Cangas e sobre o trobeiro

Capela de Sanamedio.

Despois dalgunhas pescudas xenealóxicas, achegamos a posibilidade de que o noso personaxe Varela fose o conde Varela Fernández que recibira numerosas doacións do mesmo rei pola sua contribución en diversas batallas contra os árabes na fronteira alén do Douro.

Os primeiros documentos nos que asina Varela son de 1157 e 1158 segundo recollimos do importante e fundamental traballo, Regesta de Fernando II de Julio González, aos que hai que engadirlle outro de 1174 posterior á donación de Cangas. Estes documentos foron tamén citados por Anselmo López no seu libro Cangas na Idade Media ao igual que outro de 1170 dunha donación en Portugal, condado co que tiñan moita relación os desta familia e máis o irmán de Varela Fernández que era tenente de Toroño na zona de Tui. Tamén mencionabamos na publicación sobre os turcos, a un tal Paio Varela que aparece en documentos de 1197 como tenente da terra de Aguiar e signifero real de Afonso IX. Incluso barallamos hipóteses con Jorge Varela Mariño e o seu fillo Joan Varela, ligados aos Mariño de Goiáns que ademáis de teren propiedades en Darbo, estaban emparentados cos trobeiros Pero e Martín Eannes Mariño, fillos de Joam Mariño. Ainda que non andabamos desencamiñados, a documentación manexada e o baile de patronímicos, diferentes do buscado, fíxonos desbotar onomásticos como os Chacín e incluso a Fernando Pais (Páez) de Tamallancos que resultaban seren claves. Xa que logo, daquela e ata hoxe, seguiamos a ter reservas sobre a identidade dos personaxes en cuestión que agora se veñen disipar através do traballo do profesor Souto Cabo.

O acceso a este traballo veunos suministrado por Carlos Varela que andaba na procura de datos sobre este apelido por similitude co seu e a sua relación coas antigas terras do Orcellón na Castela galega. A investigación do acreditado filólogo medievalista Souto Cabo, foi editada en portugués no ano 2012 na Revista de Literatura Medieval da Universidade de Alcalá de Henares e amén doutras publicacións especializadas (escrebe en portugués) sobre os trobeiros e a lírica medieval galaico-portuguesa. Este profesor da Universidade de Santiago tamén daría a coñecer en Braga no ano 2002, o texto máis antigo autentificado, escrito en galego-portugués, datado arredor do ano 1175.

O conde Varela Fernández

Voltando ao traballo en cuestión, o seu tema principal xira arredor do trobador e cabaleiro Fernando Pais de Tamallancos que toma o segundo apelido da aldea do mesmo nome no concello de Vilamarín en Ourense. Este lugar e outras moitas posesións fóranlle dadas polo rei a Fernando Eannes de Montoro pai de Monio Varela Fernández a quen lle sería donada a herdade de Cangas. Este comes ou conde xa figura na órbita cortesá galego-leonesa do rei Afonso Raimúndez, O Emperador (Afonso VII en Galicia e VIII en Castela), fillo de dona Urraca e de Raimundo de Borgoña que habería de integrar na sua corte ao sector da nobreza galega rebelde, agrupado arredor da Casa de Traba. A este rei sucederíao en 1157 o seu fillo Fernando II que é quen tres anos despois lle daría Cangas a Varela, personaxe que en 1165 exercería como conde-tenente (dominator) da Terra do Morrazo. Este dato é tamén chave para achegar datos sobre o castelo de Aravo (Darbo) pois o documento asínase en Pontevedra e ainda non menciona ningunha tenencia sobre o castelo. Porén, en 1178, Varela Fernández aparece de novo noutro documento, asinando esta vez in Morrazo, co que podemos pensar que esta edificación se erguese entre eses anos e que no 1184, por doación do mesmo rei, pasaría a mans da Mitra compostelá. Hai que dicir tamén que un irmán de Varela Fernández, nomeado Paio (Pais/Paez) Curvo, tenente de Toroño, alcanzaría grande notoriedade nas cortes dos mencionados monarcas, na do rei portugués Afonso Henriques e entre a curia santiaguesa de Xelmírez.

Joham de Cangas

Este trobador de mediados do século XIII era, através do seu apelativo, a única referencia que desde 1160 tiñamos de Cangas como herdade ata que aparece denominado como un lugar a mediados do século XV e que logo deviría en porto e vila. Durante case trescentos anos, a documentación existente fai mención a igrexas, casais e predios da contorna pero non de Cangas co que estas novas referencias nos permiten facer unha composición de lugar máis axeitada. Portanto, Joham de Cangas ou sexa, Xoan Fernández Varela, era fillo do nobre e trobador Fernando Pais de Tamallancos (Fernando Pais/Páez Varela), tamén coñecido como Fernando Pais do Capelo polo tremendo golpe que, segundo as crónicas, lle afundira o elmo na batalla das Navas de Tolosa. Este casaría con Horfresa, unha dama nobre de orixe catalá, e de segundas con Teresa López de Ulloa da que naceu Joham. O pai de Fernando Pais era Paio Moniz Varela, avó do noso poeta e o seu bisavó era, portanto, aquel Monio Fernández Varela a quen lle fora donada Cangas. Despois da morte de Pais de Tamallancos (c.a. 1243), esta herdade, xunto con outras posesións en Galicia e León foron donadas en 1260 por Horfresa Fernández, irmanastra de Xoan de Cangas, ao mosteiro leonés de Carrizo onde profesaba de monxa coa sua irmá Elvira, por mia ánima e por ánima de mio padre e mia madre e de mios parientes. Mais en 1275, outra irmá destas, chamada Sancha Fernández e muller de Fernando Gil Baticela, chegaría a un acordo para que segundo o disposto na herdanza, pasasen a ela as posesións ubicadas en Galicia, entre elas a de Cangas.

Xa que logo, cabe conxecturar que aquela herdade recibida en 1160 pronto fose explotada nos seus recursos agrícolas e gandeiros, converténdose nunha unidade de produción que nesta época se denominaba casal, coa sua casa principal, choupanas para os criados e dependencias anexas para cortes e almacenamento dos produtos. Neste casal, cabe supoñer pois, a nacenza ou residencia de Xoan de Cangas, indicado polo uso do apelativo de localidade, igual que acontece co de Tamallancos do seu pai. Xa residindo temporal ou permanentemente, o noso trobador escribiría inspirándose nas romarías de Sanamedio e de Santa María de Darbo que aparecen citadas nos seus poemas. Tamén nestas datas, incluíndo o seu fillo Joham de Cangas, Páez de Tamallancos tamén serviu de atracción cara a zona do Morrazo, doutros xograres coetáneos como Nuno Treez (de Trelle - Toén?) que evoca a romaría de San Cremenço do Mar en Ardán e de Lopo Lias que lle canta a unha dona de Baguin que mora no Soveral (Sobral), lugares estes localizados en Mogor - Marin.

Ainda que é importante toda esta nova aportación documental de 1260 e 1275 que menciona a Cangas, queda ainda pendente aclarar como pasa esta posesión de Cangas, xa como porto e vila, a mans do arcebispo de Santiago, posesor do castelo de Darbo e da Cámara de Entrambosríos e da sua insistente reclamación pola casa de Soutomaior. Cabe anotar que as orixes dos Soutomaior tamén inclúen o apelido Eanes que tamén era o do pai do conde Varela que recibe a herdade de Cangas. Neste sentido, e por outra banda, temos que dar conta tamén doutro novo documento do 10 de outubro de 1253 no que Aldonça Fernándes e o seu marido Xoan Airas de Meira lle venden ao arcebispo compostelán Xoan Airas unhas terras nos casais de Cangas, Xestido, Vilantes e Entrambosríos que lle mercaran anteriormente a dona Sancha Muniz que polo apelido tamén semella estar emparentada cos Varela. Por outra banda, queremos dar conta dun documento de 1173, referenciado por M. Uxío García Barreiro no que transcribe que o rei Fernando II lle doa a vila de Meira cos seus bens circundantes ao mesmo conde Varela (o de Cangas) e a sua muller Constanza. Relacionado co tema das orixes de Joham de Cangas tamén está o documento da doación que en 1318 fai Sancha Ioannis que nos remite no seu apelido aos Eans e no seu apelativo a Cortegada, localidade enclavada na Castela galega, hoxe zona do Ribeiro.

E xa que antes falamos de reclamacións, coidamos que debe tomarse xa en consideración unha relembranza ao noso trobeiro medieval Joham de Cangas que leva séculos ignorado na vila da que tomou o apelativo. Non nos resulta fácil comprender, pois, que mentres esta figura literaria de releve permanece ignorada, se lle dediquen cartos e espazos públicos a elementos esculturais cuxa relevancia, fóra do debate artístico, reside nas denominación retranqueiras que lle apoñen os veciños. E máis paradoxal ainda, resulta que Joham de Cangas teña recoñecemento en Sanamedio (Beluso) e comparta monumento con Meendinho e Martín Codax, alá en San Simón, concello de Redondela... A celebración próxima do evento "No bico un cantar", adicado aos poetas medievais da ria de Vigo, podería ser unha boa ocasión a ter en conta para abordar o proxecto monumental, se fai falla a escote, iso que agora, non sabemos por que, lle din crowdfunding.

"No bico un cantar" é un programa do Consello da Cultura Galega que cada ano se adica a unha figura senlleira da literatura galega e que este ano celebrase en Cangas, o 3 de xuño, adicado aos trobadores da ría

(*) Mestre e historiador

Compartir el artículo

stats