A promoción do uso do galego, defendéndoo como lingua viva e normalizada, tamén forma parte da filosofía de Fecimo, que xa ten promovido campañas para garantir a atención en galego no comercio local, como marca de calidade e apoiando iniciativas sociais que loiten polo patrimonio cultural, lingüístico, ambiental e paisaxístico, buscando un desenvolvemento económico sostible. Con ese obxectivo tamén organiza, por cuarto ano, a gymkhana infantil, unha iniciativa coa que os nenos e nenas con idades comprendidas entre os catro e os 14 anos se divirten nas vacacións de Nadal.

Nesta ocasión atoparanse con probas relacionadas coa gastronomía e coas palabras correctamente escritas. Para estes tempos de comida rápida e precociñada a organización quere familiarizar aos máis pequenos cos termos que dan nome á variedade de produtos que poden atopar na súa contorna. Os cativos convértense nos "mini chefs" do Morrazo, como di o lema da campaña, e percorrerán as rúas de Bueu (onde participan 25 empresas), Cangas (37) e Moaña (36) resolvendo preguntas que lles propoñan. A actividade move a toda a familia e inclúe sorteos ao final da gymkhana, dando visibilidade aos locais asociados.

Sorteos e agasallos

Os mapas do territorio xa se repartiron a través dos centros escolares e tamén se poden conseguir nos establecementos. Oscativos deben resolver en cada comercio unha proba diferente relacionada coa lingua galega e a nutrición e irán resolvendo a proba ata o 31 de decembro. Cos mapas cumplimentados realizarase un sorteo en cada vila e os gañadores recibirán unha tablet e unha gran cesta de Nadal infantil. Os sorteos serán ás cinco da tarde en Bueu (sábado 2 de xaneiro na Praza do Concello), Cangas (domingo 3 na Alameda Vella) e Moaña (luns 4 a carón do palco da música).