Cronoloxicamente, o cartel navideño elaborado polas concellerías de Cultura e Normalización Lingüística, Ensino e Deportes e Voluntariado comeza o vindeiro venres, día 18, cun concerto de Nadal a cargo de alumnos do Conservatorio e a Escola de Música no Auditorio. O sábado haberá un festival infantil de danza tradicional organizado por Lembranzas da Ría, obradoiros infantís de Cangas Vella e Azul Cebra na Praza do Arco e cine coa proxección de "La fiesta de despedida". O luns 21 comezarán os Obradoiros de Nadal na Casa da Xuventude e celebrarase o espectáculo infantil "A máquina do tempo", protagonizado por Os Bolechas. O martes 22 seguen os obradoiros e o espectáculo infantil, esta vez coa representación de "Carrapuchiña Vermella".

O mércores 23 intensifícanse as actividades. Pola mañá continúan os obradoiros, e pola tarde comezará a animación polas rúas con obradoiros de manualidades nas prazas da Constitución e O Arco, coa colaboración de Adicam; a visita do Apalpador, unha figura tradicional galega que reparte castañas se atopa os buches baleiros, exhibicións de danza oriental por Margarita Outeiral e de danza urbana polo grupo Boombox, e pasarrúas con Lume de Karoso.

Despois dun descanso en Noiteboa e Nadal, retornan os obradoiros o sábado 26, e pola noite representarase o espectáculo de Carlos Blanco e Luis Davila "Menú do día". O luns 28 chegará ao Auditorio a atracción infantil "Gramola gominola" , e os días seguintes o protagonismo infantil será para Uxía e Maxín Blanco e Mamá Cabra. A Carreira de San Silvestre, organizada polo Club Atletismo Morrazo, despedirá o ano polas rúas de Cangas ás cinco da tarde do día 31.

O sábado 2 de xaneiro o espectáculo musical correrá a cargo do Coro Gospel Vida, o domingo 3 haberá danza de Reis con Lembranzas da Ría, chegará o Paxe Real á Casa do Concello e celebrarase a gimcana "Os minichefs do Morrazo", organizada por Fecimo na véspera da cabalgata de Reis, chegados de Oriente para deixar agasallos polos fogares.

A programación de Nadal en Cangas tamén inclúe o IX Certame de Postais (ata o 7 de xaneiro nas bibliotecas das parroquias), o IV Certame Nadal con Vida, con adornos feitos polos escolares de Nazaret, Casa da Virxe, Sagrada Familia, A Rúa e Ludoteca, así como o XVII Certame de Beléns, ata o día 7 na Capela do Hospital.

Os tres espectáculos de pago do Festival Infantil ofrécense a un prezo "simbólico" de 10 euros para o bono, e para a gimcana infantil de Fecimo repártense mapas nos comercios participantes. Os concelleiros Héitor Mera e Xoán Chillón destacan a colaboración dos centros escolares e colectivos para conformar un programa que destaca pola "cantidade, calidade e variedade".