Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Manuel Nores "Taratola", mariñeiro sindicalista

Fundou a Agrupación Socialista, presidente do sindicato Alianza Mariñeira e tenente de alcalde na II República

Conferencia do doutor Carlos G. Cabezas, director do Instituto Antituberculoso. Sentados: Rosendo Novo, Pancho Eiroa, Isabel Fraga, Taratola e Lorenzo Corbacho. Ano 1932. // FDV

Manuel Nores Sotelo "Taratola", considerado como o dirixente social e político máis importante de Cangas do século XX, nace en Síngulis (1879). Queda orfo de nai aos dous anos e criase na compaña dunha velliña de 92, nai da primeira muller do seu pai. Un mariñeiro que tiña que saír pescar todos os días quedando os rapaciños, mal coidados, por aquela boa muller.

De neno, Manuel era moi atravesado e o pai pegáballe e castigábao moito por revoltoso. "Pero dentro do malo que era debía ter algo bo porque os veciños queríanme moito: canda uns, canda outros dábanme de comer", escribe na súas memorias.

Vai pouco á escola pero sae cun segundo nome: Taratola. "Eu falaba todo co té e un día na porta da escola xogando cuns caracois, chamáballes taratoles e de aí saíu o alcuño que chega ata os seus netos". Aquela escola represora non era para Manuel que se porta mal, ausentándose dela acotío ata que o mestre o expulsa e queda polas rúas a facer trasnadas. O seu pai lévao para o mar con escasos nove anos; no mar sufre moito, vómitos, mareos, pero non lle queda outra.

Mariñeiro de oficio á forza, non ten a quen queixarse, segue máis de cinco anos de martirio. As relacións co seu pai son moi malas ata que un día o rapazolo cambia e agarrando un "salabardo" vaille buscar caranguexos, tan necesarios para a encarnada dos polbos, a unha praia de Vigo e reconciliase co seu pai. Faise maior e venlle o xuízo, deixa a pesca do polbo e vai traballar a unha traíña. É convértese agora nun home feito e dereito.

Aos 26 anos casa con María Rial Fandiño. Foron os anos máis felices da súa vida. Leva a xestión de varias sociedades de tripulantes de traíñas na ría. Os tempos son bos para a pesca e deféndese ben economicamente. Pero, de súpeto, todo cambia. A pesca empeza a escasear, ten xa tres fillos. E ten medo á fame! Con 30 anos embarca en Vigo rumbo a Bos Aires nun transatlántico inglés con 1.300 pasaxeiros, seguindo os pasos do seu irmán José. Levou canda el aos seus sobriños Benigno e María, de 12 e 13 anos. Na Arxentina botou catro anos en traballos non moi bos; pero é onde toma contacto co mundo sindical.

Taratola foi durante moitos anos Presidente da Alianza Mariñeira, unha das maiores sociedades mariñeiras da ría de Vigo, creada no 1914, que tiña como obxectivo a unión dos mariñeiros para reclamar melloras laborais dos traballadores do mar. A Alianza, que chegou a ter máis de 1.500 afiliados, protagonizou varias folgas nos portos de Cangas, Moaña e Vigo no 1932 reclamando melloras nas condicións da venda do peixe aos fabricantes de conserva.

No 1920, preséntase e sae elixido concelleiro pola Alianza Mariñeira. Derivado do seu labor sindical, tivo problemas para traballar polo boicot dos armadores de Cangas que non o contrataban. No 1923 a Corporación concédelle licenza para poder ausentarse do concello e ir á campaña do bonito a Xixón.

Nores é un dos fundadores da Agrupación Socialista de Cangas e foi membro da súa primeira directiva en 1923. A Xunta Directiva da Alianza Mariñeira presidida no 1924 por el, foi comisionada polos socios para construír a Casa do Pobo na parcela mercada a Bernarda Graña e Leopoldo Montes, de 360 metros cadrados, chamada Viña do Boi ou Campo Alegre. Levantaron a sede da Alianza Mariñeira por subscrición popular, un edificio de pedra coa colaboración da Sociedade de Canteiros e de Oficios Varios de Cangas.

Un home de esquerdas como Taratola, socialista e obreirista, vaise distanciando do PSOE e achegándose ao partido Republicano Radical de Emiliano Iglesias, deputado que visita moito Cangas e con quen mantén moita e boa relación. Conséguelle en Madrid o internamento no sanatorio Vitoria Eugenia para curar a tuberculose que padecía. Restablecido volve a Cangas en 1929, bastante ben de saúde coa recomendación médica de facer unha vida descansada. Pero fai pouco caso. Ten que reorganizar á Alianza Mariñeira que pasa dificultades serias, sosténdose a duras penas e sen practicamente socios que paguen a cota, durante a Ditadura de Primo de Rivera.

Taratola, como novo presidente da Alianza, diríxese á asemblea, para reclamar a colaboración dos asociados, facendo ver que: "Sen organización non é posible o normal desenvolvemento das cuestións do traballo, pois sen ela nin os traballadores cumpren os seus deberes nin os patróns respectan as leis nin os contratos de traballo. Somos inimigos das folgas e faremos o posible porque non as haxa, pois a folga é a guerra e os traballadores amamos a paz; pero si os patróns nos provocan e, contra a nosa vontade, nos forzan á folga, saberemos cumprir co noso deber".

En outubro de 1930, Nores foi detido, acusado por suposta coacción e actos sediciosos por ter advertido aos mariñeiros que o vapor Méndez Núñez levaba un patrón crebafolgas de Moaña. A Garda Civil lévao preso a Pontevedra. A Alianza celebra na Casa do Pobo unha "magna asemblea" pedindo a súa liberdade e ao cabo duns días o Gobernador Civil déixao en liberdade sen cargos. Cando sae liberdade o alcalde José Pereira chámano e dille "si quería volver o posto de empregado da lonxa municipal, pero con a condición de que deixara de facer propaganda social" e el contéstalle "que lle agradecía que o repoñera no seu posto, pero non podía acatar ás condicións que lle poñía. Eu fóra das horas de traballo quero ser libre para facer o que me conveña". A raíz disto o alcalde césano.

No seo da Alianza Mariñeira discútese (1931) que rumbo tomar dos dous posibles naquel intre: ou integrarse na CNT ou, como defende Nores, integrarse no sindicato socialista da UGT. Finalmente optan pola integración no sindicato anarquista. A pesares desa decisión, os asociados encárganlle a Nores elaborar e defender os relatorios que a Alianza Mariñeira vai elevar ao Sindicato da Industria Pesqueira nas xuntanzas preparatorias de Marín e no Congreso de Madrid. Nesta altura, á idade de 51 anos, danlle a incapacidade para traballar, concedéndolle a pensión de invalidez de unha peseta diaria.

No 1931 Alianza Mariñeira acordou intervir na política municipal presentando candidatura ás eleccións municipais. Taratola expón que el xa é presidente da Alianza e non pode presentarse por incompatibilidade; pero os socios non quixeron oír as razóns dadas e por unanimidade votan que el é a persoa idónea.

A Alianza Mariñeira crea un comité electoral sendo elixido presidente Manuel Nores, este comité traballa en organizar nas parroquias sociedades agrarias de tendencia republicana para que se presente aos comicios municipais. Foi tenente alcalde na República (1931 - 1936).

No 1933 fai unha moción para que o Concello aumentara os orzamentos para atender as necesidades sanitarias contra a tuberculose. Na sesión supletoria de novembro de 1935 propón que se faga unha comisión urxente para que o edificio municipal situado na rúa Méndez Núñez se habilite como centro de saúde publica. Era partidario de que o Concello establecese unha farmacia para que os necesitados tivesen medicinas.

Por mor daquela antiga enfermidade traída da súa mala experiencia emigratoria á Arxentina, no 1933, pasou unha tempada nas terras altas e interiores de Lalín para intentar curarse.

O 17 de febreiro de 1937 ten un xuízo. Os falanxistas acúsano de terse pasado no orzamento da epidemia de tuberculose de 1934. O 10 de abril a unha da mañá do mesmo ano foi detido na súa casa para facer unha declaración. Méteno no local da Falanxe de Cangas. O 19 trasládano á prisión Provincial de Pontevedra . O 24 de maio concédenlle a liberdade entregando en facenda 500 pesetas e sen saber por que foi encarcerado. Ao regresar a Cangas, os seus amigos alegráronse e seus inimigos desgustáronse.

Manuel Nores morre o 13 de decembro de 1943, aos 64 anos na súa casa na rúa Retrama por mor da tuberculose pulmonar. Nun homenaxe realizado a Taratola como promotor da construción da Casa do Pobo, a súa filla María Nores Rial, foi a encargada de descubrir unha placa co seu nome.

Manuel Nores Sotelo deixou escritas unhas memorias que foron recuperadas e editadas no 2003. A súa dedicación aos demais debe ser un facho aceso que alumee no futuro da nosa sociedade. Taratola, xunto a Lorenzo Corbacho, están considerados en Cangas como os dirixentes sindicais e políticos máis importante naquela época.

*Membro de A Cepa e neto de Manuel Nores, respectivamente

Compartir el artículo

stats