Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Bernardino Graña, poeta do mar e do amor

Membro da Real Academia Galega dende 2010, o autor de "Profecía do mar" cumpre mañá 83 anos

O seu pai, mestre republicano, vese obrigado a subsistir no ensino privado a partir da guerra do 36 e ten que trasladarse coa familia a Ribadavia. Na capital do Ribeiro, o pequeno Bernardino realiza os estudos primarios indo e vindo a Cangas viaxando no tren pola beira do Miño. Con catorce anos cursa o bacharelato no Instituto Santa Irene de Vigo e vive na parroquia de Darbo, na casa da súa madriña.

Di o Bernardino que non era moi brillante como alumno e que tiña algunhas dificultades coas matemáticas pero que mostraba moito interese pola escrita e pola lectura que lle inculcara seu pai dende moi neno. Con 18 anos coñece ao poeta Faustino Rei Romero e entra a formar parte do consello de redacción da revista Alba onde aparecen os seus primeiros poemas, entrando en contacto cos escritores Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e X. Mª Álvarez Blázquez.

Os estudos universitarios lévano a Compostela para cursar a carreira de Filosofía e Letras. Despois de dous anos frutíferos en Salamanca, recala en Madrid atopándose con antigos compañeiros como Ramón Lorenzo, Ferrín, Cribeiro e con outros galegos emigrados como Bautista Álvarez, Ferreiro e Patiño, conforman o grupo Brais Pinto. Bernardino entra en contacto co nacionalismo galego e publica o seu primeiro libro de poemas titulado Poema do home que quixo vivir.

O seu pai abre a Academia Morrazo na que vai traballar impartindo clases. Son tamén os anos de troulear cos amigos da Peña Caldeiro, de Dinito como se lle coñece agarimosamente en Cangas. Tempos de velar no baile La Palma e nas verbenas ou de acompañar a Pepe Santos por Hío e pola Nerga do Sr. Aleuterio personaxe dun conto seu do libro Fins do mundo.

Rematada a carreira, traballa un ano como profesor no Colexio Fingoi dirixido por Carballo Calero con quen colabora na recompilación dos Contos populares da provincia de Lugo e recolle moitas palabras da zona do Morrazo para o Dicionario de Eladio Rodríguez.

Participa nas Festas Minervais onde é premiado en varias ocasións. Comeza a relacionarse con outros ilustres escritores como Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Torrente Ballester ou Xosé María Castroviejo.

Foi un dos primeiros escritores en preocuparse por un teatro moderno e de calidade con 20 mil pesos crime. No ano 1966 publica a súa obra máis importante: Profecía do Mar. Un libro cheo de vida con ditos e expresións da fala viva de Cangas, coa fermosísima Oda dedicada aos mariñeiros de Cangas onde canta o mar e as súas xentes como ninguén. Profecía do mar está considerado como un dos mellores libros de toda a literatura galega.

Bernardino gaña por oposición a praza de catedrático de Lingua e traballa en varios institutos coincidindo no de Rodeira con Carlos Casares, César Varela e Francisco Rodríguez. Viaxeiro incansable exerce como profesor de Literatura Española en São Paulo ata a súa xubilación no IES María Soliño en 1991.

A produción literaria de Bernardino Graña abarca todos os xéneros: poesía, teatro, narrativa e xornalismo. E aguilloado polo nacemento do seu fillo Denís, intensificou o seu labor como autor de literatura infantil, dedicándose a escribir os vellos contos contados á maneira de aquí.

Ten recibido o premio Abrente de Teatro en Ribadavia, o Pedrón de Ouro e numerosos actos de homenaxe e recoñecemento ao seu labor como as Xornadas da Lingua celebradas pola Cepa ou a Homenaxe do Morrazo no seu 75 aniversario celebrado en Cangas.O meirande recoñecemento recibiuno o 12 de xuño de 2010 ao oficializarse a súa entrada como membro da Real Academia Galega. Bernardino leu o seu discurso de ingreso no Auditorio da vila.

Bernardino foi membro fundador do PEN club Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da que foi o seu primeiro presidente, outorgoulle o premio Escritor na súa terra plantando un loureiro, a súa árbore preferida, nos xardíns do Sinal. Realizaron unha viaxe literaria en barco acompañado por escritores e amigos nun acto celebrado en Cangas onde o alcalde Euloxio López e Bernardino descubriron a placa dunha rúa que leva o seu nome no barrio mariñeiro do Forte.

Bernardino Graña sempre estivo comprometido con Galicia e coa súa lingua, e a súa produción literaria ocupa un destacado posto na literatura do noso país. Bernardino, profeta do mar e do amor, mariñeiro da Congorza " ven loguiño a vender o peixe a Vigo/ e trae unha canción do son dos mares/ pra beber e cantar xuntos nos bares/ mariñeiro de Cangas, meu amigo" que en Tirán o outono segue sendo doce e canta a bubela.

(*) Membro de A Cepa / Biógrafo de Bernardino Graña

Compartir el artículo

stats