Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Brais X. Currás: "Nas sociedades castrexas non había explotación de clase e todos accedían á riqueza"

Defende unha tese na que sostén que na Idade de Ferro galega non existía a xerarquía

Brais Currás, onte, na praia do Con, en Moaña. // Gonzalo Núñez

Brais X. Currás (Moaña, 1981) é historiador pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vén de defender unha tese titulada "A evolución da estructura social e territorial nas comunidades do Baixo Miño entre a Idade de Ferro e a integración do Imperio Romano". Deste estudo, no que investiu una década de traballo, extrae conclusións como que nas sociedades castrexas non había desigualdades de clase, dispoñían de acceso por igual á riqueza, carecían de xefe e as guerras non xogaban un papel principal, nin moito menos.

-Por que decidiu facer a tese, que lle ocupou unhas 7.000 páxinas, sobre este tema?

-Foi unha tese moi ampla. Rematei a carreira en 2004. Máis que o tamaño é de salientar as fichas individualizadas de 450 sitios entre minas de ouro romanas ou castros. Se fixo unha prospección en case todos eles. Analizamos cada sitio por medio de teledetección e sistemas informáticos. Sempre no val do Baixo Miño, tanto do lado galego como do portugués. Elixín este tema porque o Miño ten unha serie de particularidades para estudar. Trátase dunha zona moi aberta ao contacto con Roma. O cal me permitía evaluar como dende o final do século II A.C. se produce ese contacto indirecto con Roma. Esta zona nunca se tocara de forma conxunta porque require facer unha tese transnacional.

-Entendía que as sociedades castrexas non estaban o suficientemente estudadas?

-Si que están moi estudadas. Hai centos de traballos sobre este tema. Eu o que propoño, cun grupo de investigación do CSIC (Estructura social y arqueología del paisaje) é unha nova forma de entender a Idade do Ferro, a sociedade dos castros, que son sociedades non xerarquizadas. O que queremos é animar o debate e plantexar que hai formas diferentes e alternativas de entender a Idade do Ferro.

-Conclúe que non eran sociedades guerreiras?

-Si que había guerras, pero a guerra ocupaba unha posición secundaria nesas sociedades. Non se trata dunha guerra aristocrática, senón que sería unha guerra que non tería un carácter estructural, senón accidental. O territorio dos castros está composto por unha serie de aldeas pequenas, todas equivalentes, e esa contraposición de aldeas, ás veces, levaría a que existiran conflictos entre elas. Pero iso non significa que esas comunidades viviran por e para a guerra. As sociedades guerreiras teñen moito que ver coa concepción aristocrática e xerarquizada de modelos indoeuropeos célticos. Nós propoñemos un modelo distinto, pero non pacífico.

-O que máis chama a atención da súa tese é a conclusión de que non había desigualdades de clase. Como chegou a ela?

-Iso o estudamos a partir das unidades domésticas dos castros. Nos grupos de casas vemos que non hai grandes diferenzas entre elas. Todas teñen almacén, ou sexa, que todas acceden aos medios de producción e teñen as ferramentas para traballar a terra. O máis importante é que non atopamos residencias aristocráticas. Nos castros da Idade do Ferro non existe nin unha soa vivenda que se poida identificar coa residencia dun aristócrata, dun xefe ou dun persoeiro que mostrase acumulación de riqueza. Por iso dicimos que non existía xerarquía. Non son vivendas exactamente iguais, pero son equivalentes. Sobre isto hai cousas escritas, pero agora hai un certo predominio da explicación desta época como un modelo máis xerarquizado.

-O contacto con Roma cambiou totalmente a estructura social, entón?

-Si. De forma radical. Coa chegada de Roma a transformación das comunidades locais é brutal. Aparecen xa aristocracias, lugares centrais e centros de poder. Antes cada unidade doméstica accedía directamente á terra. Despois dependían de Roma, que impón un sistema tributario. E aparecen as delimitacións administrativas.

-Os castrexos semellan marxistas?

-(Risas). Non poden chegar os bombeiros antes de que empece o lume. Pero si que eran sociedades nas que cremos que non existían desigualdades de clase, o que non evita que existisen outras formas de desigualdade, como líderes relixiosos ou artesáns especialistas. Non serían sociedades planas, pero si comunidades nas que non se desenvolveron formas de explotación de clase, porque todos accedían á riqueza e aos medios de producción. Penso que esa é a clave.

Compartir el artículo

stats