A igrexa de San Martiño, dos séculos XII e XVIII; a reitoral do XVI e XVII, con portalón ameado do XVIII; a casa da fábrica do XIX; varias vivendas dun andar, tamén do XIX, algunhas delas erguidas enriba doutras terreñas de séculos anteriores, con fermosos linteis nos seus portalóns; xunto cun cruceiro, que conserva o fuste do XII; outro do XVII; e un terceiro, o máis monumental de Moaña, posiblemente do XVIII, conforman o conxunto histórico monumental máis importante de Moaña, situado no actual barrio do Cruceiro, a carón dun castro ateigado de vexetación invasora e de eucaliptos, a pesar de estar catalogado como un ben de interese cultural.

Este castro foi estudado polo grupo de investigación, Estructura Social y Territorio-Arqueología del Paisaje, dependente do CSIC, que recentemente presentou unha proposta de intervención arqueolóxica na que se considera que: "O estudo do Monte do Castro de San Martiño e o seu entorno permite unha lectura ampla da evolución do poboamento, desde a Idade do Ferro ata a Idade Media. A nosa proposta consiste na escavación en área do Monte do Castro dentro dun proxecto de investigación máis amplo que pretende explicar os procesos de transformación social durante a Antigüi¬dade".

No apartado sobre o interese e proxección social da actuación, o grupo de investigación subliña o seguinte: " O que singulariza ao Monte do Castro de San Martiño, ademais do seu interese histórico, é o seu gran potencial patrimonial. Xunto coa igrexa románica e antiga reitoral, este castro pode constituír o eixo central dun conxunto histórico de referencia situado no corazón do concello de Moaña".

Efectivamente, nunha gran parte do perímetro do Castro, aínda se conservan muros defensivos de cachotería de pedra complementados, na súa zona oeste, por un foxo que reforzaba a súa protección e o separaba dun outarelo onde puideran realizarse cultos pagáns, cristianizados no século XII coa construción da igrexa matriz de Moaña.

No tímpano románico da súa fachada principal, inscribiron, en latín, o nome do seu patrón, San Martiño; santo que aparece, pola primeira vez, relacionado con Moaña, na súa versión primixenia de Moania, nun documento do ano 1237, depositado no Archivo Histórico Nacional de Madrid. A ese topónimo, en principio, os expertos déronlle o significado latino de lugar de moas e, posteriormente, nun traballo sobre toponimia feito para o concello moañés, relacionouse coa raíz indo - europea "moi", equivalente a lameiro.

Calquera desas dúas acepcións levan a supoñer que, antes de construírse a igrexa, o antedito castro puidera denominarse Moania pois nel abondan as moas e, no caso que fose máis axeitado o significado de lameiro, lindando coa súa zona norte e coas antigas hortas da Reitoral, atópase un terreo chan denominado, na actualidade, A Canle; por el fluía un rego, ou canle, con auga procedente dunha franxa do monte chamada Minas de Lourido a cal, baixo o nome de auga do cura estaba destinada ao servizo da Reitoral e á fertilización das leiras próximas ata que, as pequenas lagoas onde se embalsaba, foron absorbidas pola vía rápida do Morrazo. Posiblemente, esa auga canalizada, antes de ser aproveitada polos curas moañeses, formaría lameiros, no camiño de abastecer aos antigos poboadores do castro.

Varios documentos depositados no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, descríbena como "Canle de Moaña"; entre eles, o testamento do párroco de San Martiño, D. Pedro Saavedra de Yebra, irmán do Sr. do pazo do Rosal, asinado en Caldas de Reis polo escribán D. José Antonio de Lestón o 16 de outubro de 1822. A través del, o crego légalle a seguinte propiedade á súa criada, María Pereira: ... le dejo para siempre mi heredad nombrada "Canle de Moaña"...

Dentro da extensísima toponimia da antiga freguesía, este é o único caso en que o termo,"de Moaña", complementa o nome dun lugar histórico, reforzando a posibilidade de que tal denominación nacera no castro de San Martiño; por elo, é moi importante levar á práctica a proposta de intervención arqueolóxica de cara ao coñecemento e posta en valor da súa historia.

(*) Investigador de Moaña