A iniciativa das asociacións Mar de Pedra-Amigos das Gamelas e Memoria Histórica 28 de Agosto en Cangas para celebrar o centenario da fundación da Alianza Mariñeira e a súa loita polo sector tivo unha xenerosa resposta, pois foron 14 embarcacións as que formaron parte da comitiva, segundo rexistraron os responsables de controlar o tráfico marítimo pola ría. Os perfís das dornas, os botes xeiteiros, gamelas e mesmo o galeón moañés Eliseo e unha traiñeira, chegados das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo (entre elas media ducia desde Bouzas) compuxeron unha estampa inhabitual nas augas canguesas e chamaron a atención de veciños e visitantes durante toda a mañá.

As naves foron chegando de forma escalonada e, tras achegarse ao edificio da lonxa para deixarse ver e reagruparse, puxeron rumbo a Punta Borneira, e desde alí ata as proximidades da praia da Congorza, en Balea, para realizar unha ofrenda floral aos fundadores e artífices da Alianza Mariñeira. Ao rematar encararon o camiño de volta surcando o litoral urbano de Cangas e volvendo a reagruparse a carón do porto peirao pesqueiro, donde varias embarcacións permaneceron abarloadas parte da xornada mentres outras regresaban as súas bases. Para rematar houbo unha pequena intervención dos organizadores, que agradeceron a implicación de distintos colectivos.

A climatoloxía, con leve brisa e temperatura agradable, foi benigna para a navegación a vela ou remos e non houbo que significar incidentes, segundo corroborou Protección Civil, que se encargou de colaborar na seguridade do evento. Tamén participaron na organización e promoción a Confraría de Pescadores San Xosé, o Club de Remo Vila de Cangas, o Náutico Rodeira e a Fundación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que promove a recuperación e difusión deste tipo de actividades.