As fotos que se engaden, son a fiel mostra da sensible transformación que sufriu a casa que fora de Don Juan Fraga e, que logo do paso do tempo, quedara en absoluto abandono, debido entre outras cousas, á mala sona que esta tomara, logo de ser habitada por Dona Leonor Fraga, sona que segue latente nas memorias da veciñanza.

Un mural, na entrada principal da devandita casa, trata de ilustrar en síntese, as lendas e historias que seguen vivas grazas á tradición oral, recreadas en aconteceres, entre verdades e medias verdades, que pesan sobre a Mangallona, -así era coñecida dona Leonor, a filla do Señor das Fragas- e, última habitadora da devandita mansión.

Seguramente esa mala sona atribuída a Leonor, non teña outra razón máis, que a de ser un personaxe fora do seu tempo, de costumes escasamente aceptadas na época, sobre todo ao tratarse dun lugar illado, pois o seu emprazamento ao pé da Fraga de Coiro, en pleno val cruzado polo Río do Boubou ou Bouzós e no medio dunha encrucillada que conduce a Cangas, Hermelo, San Cosme, camiño de Bueu e a propia Fraga, camiños que comunican aos municipios de Cangas, Moaña e Bueu.

É posible, que o devandito encrave, xunguido á personalidade de Leonor, contribuísen a que a casa, adquirise esa aura que a caracterizou e, que nos derradeiros anos da súa habitadora, pasase a ser lugar de encontros, troulas e bacanais e, incluso a entroncar con actividades vencelladas á curandeiría e menciñeiría, tamén á bruxería, razóns polas que foi adquirindo adxectivacións e sobrenomes como: "Casa das Luces", "Casa das Bruxas", ademais do xa nomeado "Casa da Mangallona". Aínda hoxe, é común intuír o pánico e rexeitamento que os parroquianos sentían ao seu paso pola contorna, polo Camiño do Cocho, pois froito dos ditos populares, logo do pasamento da moradora Leonor, acadaban percibirse efectos paranormais, verse luces cando non existía luz eléctrica na zona, ou escoitar laídos, pois a tradición tamén recolle o desenvolvemento de practicas de maxia, incluso maxia negra, co engadido de sacrificios.

Nos anos setenta, o actual propietario Camilo Camaño Xestido, comeza a facerse cos arredores, co fin de acadar mercar o deteriorado inmoble, en absoluto estado de abandono, posto que desde o pasamento de Leonor, ninguén se atrevera a habitala, a excepción de servir como escola unitaria masculina, nos anos cincuenta, con escaso éxito e por tempo limitado, o xusto de construírse o Colexio do Castrillón. Naquel tempo como centro docente, tamén era coñecida como a "Escola da Mangallona".

Hoxe "A Mangallona", convertida en casa-museo, ademais de ser lugar de encontro de diferentes culturas, artistas e intelectuais, é un referente sociocultural, non somentes polas obras de arte, coleccións e biblioteca que alberga, tamén polas actividades que desenrola.

Na actualidade, está rexida por un Padroado que forma parte da Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido "A Mangallona"AC., coa presidencia de honra do seu fundador, Camaño Xestido, e presidencia executiva da súa filla Thania Camaño, colaborando asemade, unha serie de membros que conforman os "Amigos da Mangallona".

O conxunto museístico, está formado por tres edificacións: A propia casa principal "A Mangallona", anexa a esta, "A Pedra Moura" e, unha terceira edificación a escasos metros das anteriores e á outra marxe da estrada, "A Capela" ou "Casa do Artista", hoxe complementada cun apéndice dedicado a Biblioteca.

As devanditas tres edificacións, compostas por once salas, acollen varios miles de obras de arte, creacións de Camaño Xestido, así como un importante e nutrido número de obras de outros autores e obxectos de colección, ademais da devandita biblioteca e sala de lectura.

A casa principal, que consta de catro niveis, acubilla no primeiro a Sala 1 ou Sala Soto. Neste espazo predomina a obra pertencente aos finais dos anos sesenta e boa parte dos setenta, primeira etapa consolidada de Camaño Xestido, con obra figurativa e realista a través de iconografías costumistas de coidada elaboración, que vai evolucionando cara a un post-impresionismo, con pincelada máis diáfana e matérica. No referido á escultura, de igual xeito, narra vivencias do seu mais inmediato entorno.

O segundo nivel, consta de dúas salas: Sala 2 ou Sala "L" e, Sala 3 ou Sala "G". A primeira, amósanos a evolución da obra de Camaño Xestido, cara a un vangardismo conceptual, por medio de abstraccións coa constante de presenza liñas que rompen a delicada composición cromática, cuxo título ven a ser "Un berro ecolóxico e loita encol dos brancos". A segunda unha colección dual, "Da figuración ao conceptualismo", nárranos dúas vivencias que aínda que esteticamente distantes, xunguidas pola negritude, ás series "Negra Berlín" amosa a xelidez xeográfica acentuada pola caída do Muro, realizada durante a estadía alí por razóns artísticas e, "Negra Afro-Americana", coa mornura dun mundo que a pesares do secular sometemento, desborda xenerosidade, realizada en convivencias en infindas viaxes, sobre todo a Cuba e Brasil más profundo.

No terceiro nivel, a Sala 4 ou "BC 1", acolle unha nutrida colección que Camaño Xestido foi aglutinando de outros autores, amosando deste xeito un grande respecto tanto polas diferentes tendencias, como autores e autoras. Esta sala pon de manifesto, a filosofía e amor por todo o relacionado co fenómeno plástico, sen excepcións, que Camilo quixo imprimir ao conxunto da Mangallona.

No mesmo andar, atopamos a Sala 5 ou "BC 2", na que voltamos á obra de Camaño Xestido, coa presenza de obra de corte construtivista, acollendo ademáis o legado do Mestre Carballo, depósito musicolóxico de AC. Belas Artes e pezas de coleccionismo.

A continuación da anterior, encontrarémonos coa Sala 6 ou Sala "F", que ademais de contar con dous espazos dedicados a albergar abundantes fondos de obra, nos laterais da mesma, a parte central acolle principalmente a serie denominada "Arquitecturas, Danzas e Tradicións". Preside esta sala un mural e un conxunto de obras que a xeito de homenaxe a Antonio Palcios, narran o preciosismo eclético e monumentalista do templo da Veracruz.

Completan os contidos, unha curiosa e importante colección de fósiles de Ictuiosaurios (Ichtyosaurus), investigados pola Universidade de Stelembohe (Cape Town- Sudáfrica), pertencentes ao Liásico inferior e Triásico (entre 200 e 300 millóns de anos).

No cuarto nivel, atópase a Sala 7, ou Sala "BC 3", tamén coñecida como Obradoiro de Inverno, zoa mais íntima e doméstica, por compartir sala de encontros coa habitación do propio Camaño Xestido, presidida por unha pintura de gran formato executada no teito. Serve de depósito de obra e espazo onde o artista primordialmente debuxa.

Como apéndice da edificación principal, está a Sala 8 ou Obradoiro. Este lugar é o verdadeiro laboratorio-obradoiro, no que Camaño Xestido desenvolve o seu labor creativo. Aí pinta, esculpe, experimenta, crea, inventa e reinventa novas e distintas maneiras de narrar a través da plástica, investiga sobre novos e diferentes materiais ou soportes, mergúllase no seu fantástico mundo de alquimista, mesturando os pigmentos naturais que utiliza. Reflexiona sobre todo o feito, ese sacrificado e duro camiño percorrido, ateigado de sufrimento, auténtica tortura entre parto e parto, entre reflexión e execución, pero asemade igualmente ateigado de satisfaccións, co resultado da definitiva obra.

Este espazo, ademais serve de lugar de encontros e tertulias cos seus amigos, ou mesmamente con visitantes, espazo onde tamén comparte mesa e mantel con moitos deles.

Unha edificación anexa á Mangallona, alberga a Sala 9 ou Pedra Moura, nome que adquire por estar presidida en forma de ara, por unha pedra granítica de grandes dimensións. Esta sala acolle unha ampla colección de retratos de diferentes épocas creativas de Camaño Xestido, pertencentes a un movemento totalmente realista e figurativo. Lugar asemade de encontros e sede de diversos colectivos sociais e culturais.

Saíndo do entorno da Mangallona e cruzando a estrada, imos encontrarnos coa Sala 10 ou Capela, tamén coñecida como Casa do Artista, posto que exerce de estancia de artistas que efectúan intercambios coa Mangallona. Nesta edificación, está un conxunto de obra de corte sacro que Camaño Xestido foi realizando, centrada principalmente na Semana Santa de Lucena (Córdoba). Ademais da obra de Camaño Xestido, esta estancia vese complementada, por variedade de obras e obxectos de colección, e de época, igualmente de carácter relixioso.

Como abrazando esta edificación, de arquitectura mais humilde, por tratarse dunha recuperación de anteriores cortes de gando, en forma de ele atópase a Sala 11 ou Biblioteca, cuxo fin, é acoller biblioteca, fonoteca, videoteca, filmoteca e, todo o refrido ao documentalismo. Asemade este espazo, conta cunha sala multiusos ou de lectura.

Presidindo frontalmente este espazo, están dúas esculturas de gran formato, unha na entrada de devandita capela, escultura lineal que semella ser a espadaña da mesma. A outra, na entrada da biblioteca e parella a anterior, de considerables dimensións, trátase dunha composición conceptual, cuxo significado quere ser un enorme pergameo que conclúe cunhas curviliñas representando un libro.

O deseño desta última estancia, está en certo modo acondicionado por un conxunto de obras escultóricas de creación e autoría de Xaime Quessada e Acisclo Manzano, obras que formaron parte da escenografía da obra representada polo Centro Dramático Galego, "O incerto Señor Don Hamlet" de Álvaro Cunqueiro.

Os exteriores do conxunto arquitectónico, acollen unha importante cantidade de obras escutóricas.

Nesta breve síntese, ponse de manifesto a filosofía que Camaño Xestido quixo imprimir ao conxunto museístico de A Mangallona, un mundo idílico e romántico creado a súa medida, de carácter privado pero de uso e utilidade públicos, esforzo meramente persoal posto ao dispor da humanidade, co fin de contribuír na mellora da convivencia, calidade de vida e humanización.

Índa que todo o ano é visitable, cada 18 de maio, á sazón do Día Mundial dos Museos, celébrase unha xornada de portas abertas, durante todo o día con diversas intervencións, que nesta edición, aparte das visitas guiadas, haberá ocasión de dedicar unha lembranza a Botello, co gallo do centenario do seu nacemento baixo o título "100 imaxes sobre Botello, 100 razóns para recuperalo".

Coiro-Galiza, mes das Letras de 2013.