Este pasado fin de semana, no ecuador do setembro que vivimos, unha persoa afable, un grande e ameno conversador cun permanente e sinceiro souriso na súa faciana, ven de atravesar o umbral da eternidade.

Antonio González Vidal- TUCHO -, de Cangas e Moaña, de Darbo e Meira, do país dos bós e xenerosos, transmitía esa dimensión de universalismo que só se acada a través da profunda e incansable lectura.

Como canteiro e artista autodidacta deseñaba e realizaba as súas creacións figurativas e conceptuais na procura de imaxes e sensacións. Como albanel e construtor foi edificando unha chea de soños e utopías de documentación e cultura, empregando sempre materiais nobres de profunda análise, investigación e rigor científico. Iniciárase moi novo no mundo da construcción e contaba sempre moi satisfeito e orgulloso de como unha importante parte do seu primeiro salario percibido aos 14 anos tiña sido para unha inversión en libros. Ía ser unha luz guia para toda a súa vida, ia constituir xa daquelas esa primeira pedra dun extraordinario monumento adicado ao mundo do arquivo e da historia. Coa adquisición de libros e máis libros, documentos, coleccións de obxectos e textos, foi forxando un Museo Biblioteca dun valor incalculable, renovado mosteiro do século XXI, fonte de lecturas e parada de peregrinación para amigos e visitantes, oasis de saber e cultura.

"Para saber, viaxar e ler", sentencia o coñecido aforismo que o noso benquerido amigo levou ao pé da letra na súa propia vida. Viaxou durante os seus anos mozos, sensible e receptivo aos aconteceres das novas latitudes, e entregouse de xeito apaixoado e absorbente en fraguar un compendio de saber, unha valiosísima biblioteca, símbolo, portal de entrada de cultura, historia e liberdade.

Os arpexios de estima e recoñecemento dos seus compañeiros do Grupo Colores acompañaron solemnemente os derradeiros momentos nunha emotiva e merecida despedida a este trobador contemporáneo que deixa un legado de moi grande interese e mérito e un ronsel de boas lembranzas.

A nosa condolencia e ánimos para a súa muller e fillos así como o recoñecemento público de gratitude de todas e todos os que tivemos a sorte de contar coa súa amizade e o agasallo de conversa e hospitalidade. Sempre na memoria.