As Festas de San Martiño viviron onte o seu segundo día de verbena, cunha xornada relixiosa adicada á virxe do Carme, con misa solemne e procesión. Pero o feito de ser un día laborable e a resaca da noite do xoves fixo que onte pola mañá o ambiente estivera bastante máis frío. Foi un bo momento para que os taberneiros e persoal dos furanchos e chiringuitos que se instalan no entorno do adro da parroquia orixinal de Moaña tomaran un respiro e sobre todo fixeran contas de como resultou o día grande. A xulgar polas súas palabras a crise notouse en moitos casos, pero sobre todo foi á hora de comer algo, porque o consumo de viño da casa non descendeu nin moito menos.

Un dos responsables do coñecido como Furancho da Rata explica que "a crise nótase bastante máis que o ano pasado. O viño véndese ben, sobre todo tras as procesións e pola noite durante o cambio de orquestra, pero a comida si que baixou". Dende o mércores nesta taberna xa despacharon uns 400 litros de viño.

No furancho O Carolino, a camareira Sonia Nogueira cifra en 500 os litros de viño tinto que se venderon dende que comezou a programación da festa. De feito onte mesmo tiveron que buscar máis existencias. Neste caso non se queixan do descenso na petición de tapas.

Pero os que máis notaron o baixón foron os polbeiros. De feito na xornada de onte só quedaban na zona dous postos deste producto, cando o xoves eran seis. "É un ano frouxo, porque a xente vai ao máis barato. No día grande vendimos 20 quilos de polbo, mentres que hai uns anos chegamos a vender ata 150 kilos", lembra Miro Fernández.

Mentres agardaban polo aluvión de xente da noite, que bailaron na verbena coas orquestras Palladium e Gran Parada, algúns taberneiros aventurábanse a definir o negocio deste ano como moi bo. "Levamos 10 anos e neste é no que tivemos máis clientes", Asegura Suso Valverde, do Furancho de Suso. En dous días venderon 600 litros de tinto e 200 de branco, ademáis de uns 200 kilos de castañas asadas.

Hoxe o fin de festa o porán Miramar e TV Galicia. Os máis novos gozarán do festival San Resaquiño, na Casa da Cultura de Abelendo ás 22.00 horas.