É a auténtica canteira, tanto de actores coma de espectadores, dunha comarca tremendamente vinculada ó mundo do teatro. A Mostra do Ensino Secundario do Morrazo arrancou onte co seu viveiro de xoves talentos ofrecendo unha variada programación ó longo de toda a semana.

O IES Johán Carballeira volve centralizar un certame que inauguraron os Comediantes Anónimos de Fran Paredes, representando "A filla co capitán Aníbal", unha obra de Alejandro Robino que narra a historia duns cómicos que espertan no medio dunha praza chea de público e deciden representar a peza estrela do seu repertorio, que é, precisamente, "A filla do capitán Aníbal". Paredes recoñecía que o feito de ter que abrir o telón supón unha obrigada peaxe. "Aparte de ser o anfitrión hai máis nervos por ser o referente", afirmou. O carácter da obra, para tódolos públicos, permitiu que a disfrutasen, ademáis dos alumnos do María Soliño e do Eduardo Pondal, os nenos do colexio de A Pedra, centro adscrito ó Johán Carballeira. Logo foi o turno de Teatro Réplika, cunha obra algo máis adulta, "Cousas da guerra", que contou coa dirección de Xoán Carlos Riobó sobre textos de Tomás Afán Muñoz.

Pero o momento emotivo da xornada foi a homenaxe sorpresa que se lle deu a Antón Lamapereira, un dos promotores desta Mostra e que, por vez primeira, non acude á mesma dirixindo a un grupo de rapaces. Lamapereira recibiu unha figura, elaborada polos alumnos do Ciclo de Fabricación Mecánica, representando a un actor ou actriz saudando ó público.

Asun Sóñora, directora do IES Johán Carballeira, destacou o éxito desta primeira xornada dun certame que "non só forma actores e actrices senón que ofrece a posibilidade ós centros de ver teatro e que despois acudan a outros auditorios". A festa do teatro dos centros de secundaria do Morrazo xa está en marcha.