Tres poemas de Ramón Cabanillas como punto de inspiración para cada autor, once profesionais da imaxe e 33 fotografías. Ése sería o resumo en cifras da exposición "Polo Salnés con Ramón Cabanillas", que acolle a sala multiusos do Thalasso Spa Moaña ata o vindeiro 31 de xaneiro. Unha mostra que pretende conmemorar o cincuenta aniversario do pasamento do escritor cambadés facendo un percorrido pola súa obra, pero tamén polas paisaxes e as xentes descritas nela.

O resultado son 33 imaxes heteroxéneas, saídas da creatividade persoal de cada fotógrafo invitado a esta experiencia que auspicia a Asociación de Ensinantes do Salnés Candea coa colaboración de Fotoxoguete e o Grupo Tesal. Iñaki Abella, José Luiz Oubiña, Quico Álvarez, Eduardo Apariz, Mónica Irago, Luis Barreiro, Martina Miser, Emilio Moldes, Carlos Puga, Xaquín Rosales e Mónica Vila son os elixidos para guiarnos por esta viaxe a través das verbas de Cabanillas e dos lugares da comarca que o viu nacer. "Poesías ventureiras", "Vento mareiro", "No desterro", "Camiños no tempo" ou "O bendito San Amaro" son o punto de partida de diferentes interpretacións dun mesmo mundo visual.

Así, os asistentes á exposición poden toparse co mundo de sombras e relixiosidade captado polo obxectivo de Jose Luiz Oubiña. Unha relixiosidade que tamén está presente nalgunha das imaxes tomadas por Emilio Moldes, Luis Barreiro ou mesmo Quico Álvarez, aínda que no caso deste último, cunha aposta pola descontextualización. O simbolismo, en cambio, é o nexo común para as instantáneas de Martina Miser.

As paisaxes umbrías e húmidas son a escolla que fai Mónica Irago, mentres que Mónica Vila tamén se decanta polas paisaxes, pero no seu caso mariñas. O camiño do costumbrismo, por outra banda, é o que mellor define as instantáneas aportadas por Eduardo Apariz e Iñaki Abella, fotografías de construccións de pedra, silentes pero que ó mesmo tempo contan tantas e tantas historias. Son imaxes feitas de escuma e area, como as de Xaquín Rosales. Todas elas remiten a outros tempos, a verbas latentes, a pensamentos calados. A unha obra –a de Cabanillas– antiga, con poso, pero sinxelamente eterna.