Os tres concellos do Morrazo celebran hoxe a noite máxica das fogueiras de San Xoán, unha festa coa que se ensalza ó lume purificador e coa que se celebra a chegada do verán (aínda que o solsticio foi o día 21). Un ano máis, os veciños volverán reunirse nas praias, parroquias e lugares comúns para festexar esta noite especial e dar boa conta das sardiñas asadas e demais gastronomía típica destas datas.

Para que nada empañe a festa, os gobernos locais de Cangas, Moaña e Bueu, publicaron nos últimos días unha serie de bandos con advertencias e consellos útiles e así evitar accidentes inesperados. Hai que lembrar que está prohibido queimar elementos como neumáticos ou empregar material inflamable como a gasolina. As fogueiras deben respetar unha distancia prudencial con respecto as zonas habitadas e arboradas. Ó mesmo tempo, lémbrase que en caso de emerxencia pódese chamar ó servicio 112 ou ó teléfono 085, en ámbolos dous casos a chamada é completamente gratuita.

A celebración das fogueiras de San Xoán vén acompañada tamén de actividades paralelas. No caso de Moaña, organizouse no paseo do Con unha exposición fotográfica ó aire libre e na que se fai un percorrido polas fogueiras organizadas neste barrio moañés. En Moaña tamén é tradicional a sardiñada que organizan os veciños de Abelendo e hoxe, a partir das 22.30 horas, non faltarán a cita.

En Cangas, boa parte da animación concéntrase nas praias, en especial no areal urbano de Rodeira e na de Vilariño, na parroquia do Hío. Aquí, a asociación cultural O Gato organiza unha gran fogueira e churrascada, que será o culmen as actividades desenvolvidas durante a fin de semana.

No municipio de Bueu, o epicentro da festa estará unha vez máis no popular barrio da Banda do Río, coa fogueira súa na praia.