O Pazo de Congresos de Santiago acolle hoxe o primeiro acto das IV Xornadas do Día Mundial contra o Párkinson, que continúa mañá e pasado en Cangas e Bueu con senllas mesas redondas protagonizadas por especialistas nesta enfermidade. A información, a comunicación axeitada e o apoio psicolóxico ás persoas afectadas e ás súas familias son algúns dos principais factores que contribúen a convivir mellor cunha doenza que afecta cada vez máis a persoas xóvenes, pois un de cada dez diagnosticados ten menos de 50 anos. Neste panorama, os factores psicolóxicos afectan aínda máis ca os fisiolóxicos, e faise imprescindible contar con asociacións como Párkinson Galicia, presidida por Rita Edreira e con sede en Bueu.

"Somos arredor de 2.000 afectados na provincia de Pontevedra, dos que 120 estamos asociados a este colectivo", sinala Edreira, que fai referencia á recente constitución doutras asociacións en Vigo ou A Coruña. A ela diagnosticóuselle a doenza hai sete ou oito anos, e destaca como síntomas físicos máis perceptibles a rixidez, a perda de equilibrio, a lentitude na fala ou os temblores, "que moitas veces desde fóra se confunden cunha borracheira, o que xenera unha incomprensión engadida".

A maioría dos enfermos son atendidos polas familias nas súas propias casas, xa que non hai centros específicos, ainda que en Bueu as xestións realizadas están dando froitos e no local do que dispoñen na pranta baixa da Casa do Mar atende puntualmente un fisioterapeuta, un administrativo e unha traballadora social, así como unha logopeda e un psicólogo, estes últimos especialistas, de forma voluntaria. "Os síntomas poden mellorar moito con boas atencións, medicación e terapia adecuadas, así como forza de vontade. Sendo positivos tense vantaxe para loitar contra esta enfermidade", asegura Rita Edreira.

O colectivo tamén agarda recibir un vehículo grazas a un convenio entre a Deputación, Caixanova e Citroën. Pretenden mellorar o servizo de atención domiciliaria e as condicións dos enfermos e das súas familias, que é a principal razón de ser de Párkinson Galicia en Bueu.