Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cabaliño que agardou pola torneira

A estradense Isabel Neira representa a sétima xeración de artesáns na súa familia e a única muller rexistrada como torneira en Galicia dentro dos oficios tradicionais

Isabel Neira posa cos seus pratos e quebranoces de madeira. // Xoán Álvarez

É unha historia fermosa. Aló polos anos 80 Ana Neira atopou no banco de traballo do seu avó un anaquiño de buxo cun cabalo perfilado á navalla. Este torneiro de Berres especializárase nos anos da posguerra en tallar estas pezas, ademais de torres, peóns e o resto das figuras do xadrez. As súas creacións remataban despois nos taboleiros cos que xogaban rapaces alemáns. En cada taco de buxo o avó de Ana e Isabel Neira tallaba dous cabalos enfrontados, mais un día errou. Ao cortar o taco só puido sacar del un cabalo. A peza sen parella quedou no taller ata que foi descuberta. Nunca chegaría a Alemaña pero habería de se converter nos 90 no logotipo de Atalanta Madera. Dende hai uns días a imaxe deste cabaliño márcase a lume en cada peza que sae deste taller artesán da Estrada, dirixido a día de hoxe por Isabel Neira. Ela representa a sétima xeración de artesáns desta familia, ademais de ser a única muller rexistrada como torneira en Galicia dentro dos oficios tradicionais. Da súa man o cabaliño que non rematou nun taboleiro alemán ten viaxe reservada cara moitos máis recunchos do mundo.

Isabel cambiou a Química polo torno. En 2002 entrou no taller de Atalanta Madera a aprendeu o oficio con seu pai, torneiro de toda a vida. Compartiron oficio e taller durante uns anos ata que o pasamento do pai deixou á filla á fronte do taller. Esta estradense descoñece se é a única muller que se adica profesionalmente á tornería en Galicia. Sabe que nesta zona é a única que traballa no torno e incide en que este oficio non entende de xénero. "Non ten ningunha peculiaridade que o faga ser máis difícil de executar para unha muller que para un home" sinala.

Durante anos este taller estradense traballou para carpinterías, ebanisterías e fábricas de mobles, facendo as partes torneadas dos mobles. Sen embargo, chegada a década dos 90 apostou por crear unha marca comercial para distribuír iluminación en madeira, xunto con algún pequeno moble auxiliar. "Non sabían que nome lle porían a esa marca comercial pero si cal sería o seu logotipo: o cabaliño", explica Isabel Neira.

Hai uns anos, Atalanta retomou toda a parte de fabricación de menaxe, aínda que dándolle unha volta. Esta firma reinventou o tradicional prato de polbo e ofrece pratos moito máis delgados -en diámetros que van dende os 12 ata os 26 centímetros- e moi baixos, sen case bordes. A maiores, estes pratos ofrécense en acabado natural ou a toda cor, dende o negro ata o rosa, pasando por vistosas pezas azuis ou laranxas que embelecen a presentación de queixos, embutidos ou pementos de Padrón, só por pór un exemplo.

Outra das pezas características que saen do torno de Isabel Neira son uns quebranoces cilíndricos de madeira de freixo que mesmo se poden atopar dende finais do ano pasado nunha das tendas da Tate Modern, o museo de arte contemporánea máis importante de Londres.

Todas estas pezas, xunto con espátulas para manteiga, marmelada ou outras de maior tamaño para cociñar, poderán atoparse en Madrid entre o venres 25 de maio e o martes 29. Atalanta Madera participará ao longo deses días na Tienda Pop Up Galicia. Saberes y Sabores, que se desenvolverá no Palacio de Santa Bárbara.

Experiencias coma esta axudan a dar a coñecer o valor de pezas artesáns como as que fabrica Isabel Neira neste taller da Estrada. Ela tornea e súa irmá Ana encárgase do verniz.A súa nova versión dos pratos de madeira incorpora un verniz de uso alimentario que fai que a estas pezas non se lle impregnen as salsas e sexan moito máis fáciles de limpar.

Cada unha destas obras de artesanía leva xa a marca do cabaliño que non chegou a Alemaña. Daquel cabalo que quedou na Estrada, agardando no taller, aloumiñando a experiencia de quen un día o tallou coa navalla mentres esperaba por quen habería ver en cada anaco de madeira un cabalo, un prato ou un quebranoces merecentes de marchar a galope tendido a calquera lugar do mundo para espallar o saber facer dunha familia de torneiros.

Compartir el artículo

stats