Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nomes á beira da Estrada

Unhas verbas co gallo da presentación do libro "Os nomes da Estrada", de Clara Iglesias Cortizo

Imaxe da presentación realizada na Estrada o pasado venres. // Bernabé/J. Carlos Asorey

Insinúasenos na introdución do libro "Os nomes da Estrada", feito pola filóloga Clara Iglesias Cortizo, que o labor do toponimista é, fóra ósos, parello ao labor do arqueológo ou do paleontólogo. Quen ten a toponimia por afección, coa paletiña das prospeccións en riste, dedícase, cachazudo, a repenarlles a carapa de lique e carriza (ás veces, mato groso) aos nomes de lugar.

A operación pode chegar a atinxir uns cantos estratos lenitivos até dar co xabre do significado. Como escribiu o bardo egrexio de Ponteceso: "Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade!". Manuel Ferreiro empregaría este fermoso epígrafe na soleira da súa "Gramática histórica" do galego. A sinopse proposta por Laiovento para o libro de Ferreiro acáelle, mutatis mutandis, ao libro de Iglesias, editado por Fervenza: "Percorrendo este sistemático ensaio filolóxico, o lector poderá achegarse ás palabras da tribo desde as súas orixes latinas, acompañar os seus aconteceres, devalar con elas nunha mecánica evolutiva apaixonante ou perderse nas varias direccións que foron conformando o galego e conformándonos a nós mesmos".

A toponimia, galla da onomástica e galleiro da lingüística, non é ciencia exacta, daquela, os aventureiros, no noso afán por esclarecer o enigma, adoito trabucamos as espádoas cos cadrís. Porén, sempre ben intencionados, investimos o tempo, escaso, e a saúde, que declina, en satisfacer a curiosidade propia e a allea.

O finado de meu pai denominaba os ensaios "libros de consulta". Segundo o seu criterio, do cal eu non renego, o ensaísmo era o único xénero literario de mérito. Por mor das súas características "Os nomes da Estrada" é, abofé, un "libro de consulta", un libro para consultar.

Así mesmo, "Os nomes da Estrada" tamén pode ser considerado unha guía de viaxe, unha sisuda alternativa para os vadíos que refugan dos relambidos elencos de pintoresquismo e típica topicidade.

Anotei nalgún dos meus escritos que aos galegos nos comera a lingua un gato recastado. Apuntei tamén que no canto de botar a lingua a pacer, os galegos deixaramos que nola encortellasen. Maldita mansedume. Non hai nada máis nutritivo ca a lingua dun, ca a lingua estufada de noso, ao noso xeito. Reivindico esta antropofaxia selecta e selectiva a carón dos reputados chefs David Otero e Manuel Cavada que da culinaria do idioma saben máis ca ninguén. Os seus escritos "saben", no sentido lato do termo.

É vicio loábel saborear a nosa esencia mentres falamos, aplicar todas as papilas gustativas na cerimonia da oralidade, no ritual da escrita; "a lingua como cousa de comer", diría Antón Reixa.

Unha estrela Michelin na fronte clara de Clara Iglesias Cortizo. Lingüística pantagruélica, prato degustación: entrantes, primeiro, segundo, sobremesa, café, licores e charuto. Se non queres caldo, cincuenta e unha parroquias.

Soletreei con fruición os parágrafos todos d'Os nomes da Estrada e, inmerso na hemorraxia heteronímica, vinme alancar pola comarca con pés de hobbit, Polgariño a bordo das botas de sete leguas. Andei de zoco para cabazo e de cacho para cribo: farangulla a farangulla, petróglifo a petróglifo, topónimo a topónimo, aldea por aldea... Caneei canto ogro me saíu ao paso e, esgotado do periplo, sentei á beira da estrada da Estrada, agardando pola Estradense. Véxome agora neste estrado, amolegando a confortábel estradura e agardando non lles facer esterco.

A etimoloxía é unha máquina do tempo. O estudoso dos topónimos ten ínfulas de reloxeiro. Habelencioso, co dedo furabolos a roncear pola esfera, fai retroceder a vontade as agullas do aparello que todos levamos de serie: a engrenaxe de rodiñas dentadas no cerebro, o paxaro cucú na larinxe e os péndulos na caixa do peito. Ao toponimista tamén lle agrada arremedar o alquimista. Ao socairo do inquisidor, amasamos unha biblioteca de grimorios malditos ("o Moralejolasso", "o Elixiorrivas", "o Cabezaquiles", "o Navaza"...) que cotifamos á luz amortuxada das candeas ao tempo que papamos unha crianza ou nos deixamos posuír polo demo.

A postura ergueita impeleu na humana xente o reflexo da fala. Ás catro patas xamais pronunciamos cousa de mérito; axeonllados ou cabisbaixos só se lles fala aos deuses. Érganse os sumisos, os que aínda non abandonaron a postura simiesca. Co cerebro alumado pola lámpada incandescente da lingua, o ser humano encheu os seus bocexos de afagos e arietes. O ser humano nomeou e nomeouse; o xenio humano identifica, distingue, cualifica. Chamar a cadaquén polo nome, chamar a cada lugar polo seu chamadeiro é o grao máis sublime do antropismo.

É connatural ao nomadismo a exploración. É inxénito ao explorador especificar a descuberta. Énos consubstancial discriminar tipos, clases, xéneros, espécimes, exemplares... Noméote para que existas, chámote para que veñas a min. Avantaxada vixilia aquela que, entre o sono dos iguais, lles foi atribuíndo aos seres vivos e inertes a súa intransferíbel nomenclatura. Minucioso labor de séculos.

Do "betu" ao brido; do "carr-" ao carballo, á carroucha, ao carnoedo; da "petra" á pereira; da "via strata" á estrada; do "quercetu" ao cerdedo (se os carballos desen cereixas...). Noméote para que existas, ármote coa vareta máxica da palabra. Un ermo é aínda máis ermo cando os defuntos levan a microtoponimia para o Outro Mundo. "Cando unha lingua morre, un ecosistema desaparece con ela" (World Wildlife Fund). O imperialismo lingüístico atenta contra a biodiversidade. Un parcelamento serodio dana inexorabelmente a nosa flora intestinal. Cómprenos facer de tripas corazón.

Permítanme que prosiga a miña intervención aloumiñando un topónimo que, en saudosa lembranza, supuxo o punto de partida das miñas recollas e reflexións onomásticas e que, conforme o meu tendencioso parecer, é o nome máis fermoso de cantos, no seu albedrío, enxeñou a humanidade. Velaquí, o topónimo (ou mellor, fitotopónimo) "Abelaíndo":

Un abelaíndo é un terreo poboado de abeleiras ou abrairas. Abeledo. Abeleiral. A presenza deste caducifolio (Corylus avellana), oferente de froitos saborosos e nutrices e raíces menciñeiras, foi numerosa no pasado (árbore de encosta e ribeira), hoxe, confinado nas marxes fluviais, supervive como espécime minoritario. Son os abeledos, sono de antigo, recantos propiciatorios da ritualidade amorosa. Vallan como proba os versos de Johan Zorro, o xograr: "Bailemos agora, por Deus, ay velidas, / so aquestas avelaneyras frolidas, / e quen for velida como nós, velidas, / se amigo amar, / so aquestas avelaneyras frolidas / verrá baylar". (Cerdedo: Inventario xeral, 2002).

Abeleda, Abelenda, Abeledo, Abelendo, Abeledos, Abelaedo, Abelaído e Abelaíndo son abundanciais de abeleira. Na toponimia da Estrada: A Abeleira en Arca, Abelao en Oca. Todo, abundancial de "Nux avellana" (ou "abellana"), a abelá, "a noz de Avella" (ant. "Abella"), localidade da Campania italiana. Por capricho do noso pobo Abelaíndo é Abelaíndo e non é "Nocciolindo".

En Abelaíndo naceu o finado de meu pai, e tamén o defunto de seu pai, meu avó: os Solla de Abelaíndo, provenientes, cecais, de Augasantas, e estes, cecais, de Arcade, e estes, cecais, de Portugal, e estes, cecais (ríome), de Togo, na África trópical de resaibo portugués: "Yo soy aquel negrito del África tropical que cultivando cantaba la canción del Colacao...". Nun vello bote de Colacao, no afumado alzadeiro da casa do Gheiteiro, gardáronse toda a vida as chaves da Regheiriña, a Casa do Pobo de Abelaíndo.

Abelaíndo é unha aldeíña cerdedense que, hogano, vencida polo absentismo e polo despoboamento, esvaece en fantasmagórica prostración á beira da estrada que, en paralelo á N-541, comunica Cerdedo con Cotobade. Xa ninguén almorza Colacao na casa do Gheiteiro. O abarregamento Cerdedo-Cotobade é un bo exemplo de arrimo de comenencia, faltoso de amor e carecente de monicións.

En homenaxe a Clara Iglesias e ao seu neno acabado de nacer, paso a enumerar todos os nomes cos que a criatura foi asentada: Agar, Aguións, Ancorados, Arca, Arnois, Baloira, Barbude, Barcala, Berres, Callobre, Castro, Cereixo, Codeseda, Cora, Couso, Curantes, Estrada, Frades, Guimarei, Lagartóns, Lamas, Liripio, Loimil, Matalobos, Moreira, Nigoi, Oca, Olives, Orazo, Ouzande, Parada, Paradela, Pardemarín, Remesar, Ribeira, Ribela, Riobó, Rubín, Sabucedo, Santeles, Somoza, Souto, Tabeirós, Toedo, Vea e Vinseiro.

"Os nomes da Estrada" é un libro ateigado de verdades. Das moitas que atopei, hai unha que sobrecolle: Balseiros (parroquia de Rubín) é unha forma derivada de balsa "pequena depresión no terreo que se encharca". En Cerdedo levamos tanto tempo cos pés metidos na poza que xa non somos conscientes do noso natural depresivo ou deprimente.

Compartir el artículo

stats