Os veciños da Xesta xa recolleron o premio como Aldea Singular, 15.000 euros, o pasado día 4 durante os actos da Feira do Cocido. Despois de tan multitudinario recoñecemento, faltaba un evento máis íntimo, pero non por iso menos sentido. Onte descubriuse no campo da festa o monolito que lle lembrará ás futuras xeracións este galardón, que nas dúas edicións anteriores recaeu en Soutolongo e Zobra.

Ao acto acudiu o alcalde, Rafael Cuiña, e unha nutrida representación do goberno: Nicolás González Casares (edil de Urbanismo); Celia Alonso (Medio Ambiente) ou Francisco Vilariño (Turismo). Foi o edil de Emprego e veciño da localidade, José Manuel Fernández, quen conduciu o evento. A primeira en tomar a palabra foi a presidenta da Asociación de Veciños San Pedro Félix, Paula Fernández. Gabou a unión que tén, desde fai tempo, toda a parroquia, e fixo mención tamén á forte actividade social que se vén desenvolvendo como elemento para mantela viva. Na mesma liña quixo pronunciarse o alclade de barrio, Gumersindo Ferradás, que aproveitou para agradecerlle ao goberno de coalición a posta en marcha deste recoñecemento. Durante a súa intervención, o presidente da comunidade de montes, Luis González Banco, fixo un repaso pola historia desta entidade tan vinculada á historia recente da parroquia.

O ciclo de intervencións rematou coa do rexedor lalinense que quixo destacar o esforzo que está facendo o cuatripartito para impulsar o rural, a través desta iniciativa de Aldea Singular. Cuiña tamén sinalou que se sente orgulloso de que o concello conte cunha parroquia tan viva, dinámica e activa como A Xesta, á que rematou cualificando de "parroquia exemplar".

Tralos discursos, unha das veciñas de máis idade da Xesta, Pira Jácome, descubriu o monolito, axudada por dúas nenas da parroquia, Rocío Hermida e Carla Neira. Mentres o destapaban, soou o Himno Galego, da man do gaiteiro Plácido Rozas. A xornada rematou cun ágape no local social. Nesa terceira edición de Aldea Singular, a candidatura da Xesta impúxose ás de Xaxán, Cercio e a aldea de Codeseda, en Doade. O xurado tivo en conta criterios como a boa conservación arquitectónica da parroquia e a súa integración na paisaxe, pero tamén a notable actividade sociocultural que nela desenvolve ao longo do ano. Os 15.000 euros do premio teñen que ser invertidos en espazos públicos e en fins que redunden en beneficios para toda a veciñanza.