"A Asociación da Rapa das Bestas , veciños e un sinfín de amigos/as queremos compartir coa súa familia a dor, pola ausencia do noso querido compañeiro Juan Carlos Monteagudo Bugallo, aloitador de Sabucedo.

Querido amigo:

Fiel ao teu estilo fúcheste de súpeto, sen avisar.

A túa marca quedará gravada a lume nos nosos corazóns. A nosa memoria será testemuña de momentos cheos de camaradería e compromiso coa tradición e a xente de Sabucedo.

Lembrarémoste en cada Rapa, en cada saída ao monte, manexando coma ninguén o Land Rover, guía imprescindible na "Ruta Cabalar Rapa das Bestas". Colaboraches con todas as directivas da Asociación e recibiches no ano 2015 a distincion como Aloitador de Honra polos veciños de Sabucedo. Estarás presente en cada "garbeo" domingueiro, en todas as verbenas que fumos xuntos. Formarás parte de cada unha das xeracións que tutelaches no camiño da vida. Por iso todos/as -dende o máis neno ao máis veterano- che chamamos cariñosamente "abuelo".

Canto nos rimos cos teus "vaciles"! Cantos alcumes puxeches! E cantas romarías, vodas, festas, ceas, bailes, partidos de fútbol, disfraces, viños, andainas, enterros, concertos, curros, churrascadas, excursións, anécdotas, partidas ao dominó, subastados, tutes e briscas botamos!

Tes que saber que pasaches polas nosas vidas como auga fresca de maio. Todos agardabamos a túa presenza por ser alma mater de cada evento que, coma sempre, rematabamos tomando un "cacharro".

Brindaremos por ti, "compañeiro", tomando uns callos no San Benito de Montillón.

Grazas por regalarnos o mellor de ti, por ensinarnos o camiño da lealdade, da ledicia, da camaradería, entrega e compromiso! Seremos, pois, gardiáns do teu legado e valedores das túas ensinanzas!

Aloitarás agora, no mellor curro, rodeado dos más grandes aloitadores que a nosa aldea pariu. Raparás ao Navarro, ao Castaño, ao Negro, ao Zepelín... míticos garañóns de Sabucedo. Mira por nós! Coma sempre fixeches. Oiches?

Que a Terra che sexa leve querido amigo Juan Carlos Monteagudo Bugallo.

D.E.P.

* Voceiro da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo