Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un xardín con vistas ao Castro

O Concello aproba hoxe a terceira fase da humanización da Praza de Galicia, que gañará espazos verdes e disporá de iluminación

Detalle dunha das farolas de pé

Nas festas das Dores de 2013 inaugurábase a nova casa consistorial de Lalín. O proxecto dos arquitectos Luis Mansilla e Emilio Tuñón, o Castro Tecnolóxico, asentábase na moderna urbanización do Regueiriño, onde uns cinco anos atrás levantáranse os primeiros bloques de vivendas. Daquel concurso internacional convocado polo goberno lalinense, en 2004, os traballos para a edificación da nova sede municipal arrancaron dous anos despois e prolongáronse ata 2011.

O proxecto, que semella un castro enterrado na terra que emerxe á superficie, está situado á beira dun grande espazo público logo bautizado como Praza de Galicia. Para esta zona o executivo anterior propuxo ir acometendo por fases a súa humanización. Logo de adecentar a superficie, en terra, construeuse unha beirarrúa de deseño perimetral. Daquela o arquitecto paisaxista de Botos Martín Toimil recibeu un encargo para deseñar un xardín celta, aínda que a obra, polo seu custe, plantexouse sen presa e en función da financiación. Hai uns meses o actual equipo de goberno anunciou, logo de conversas co PP, a terceira fase das obras. Estes traballos, por importe duns 170.000 euros, aprobaránse no pleno das 8.00 horas de hoxe e supoñen un avance na humanización do Regueiriño, no solo como espazo de encontro dos vecinos desta zona, senón do conxunto dos lalinenses. O orzamento é menos ambicioso dos 300.000 euros iniciais e por iso polo momento queda pendente a instalación dunha pequena lámina de auga en superficie e outros elementos de ornato propostos por Toimil, que xunto co estudo local Promove, son os encargados de levar a obra. No novo aspecto da praza sí se percibirán zonas verdes e terreos elevados en superficie, ademais de árbores e un sistema de iluminación, xa que na praza case que non hay luz. Tamén se habilitará un sistema de rego automático. Pavimentos (41.300 euros) e electricidade (23.400) son os costes principais dunha obra, na que se destinan 14.000 euros para plantación de árbores e 15.100 para a modelación do terreo, que gañará en deseño, e tamén, lucirá moito máis verde.

Compartir el artículo

stats