Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da Bandeira á Ulla cos Amigos do Camiño de Inverno

Camiño do mirador de Gundián baixo a nova ponte do TAV. // D.G.A.

O pasado domingo percorremos cos amigos da Asociación do Camiño de Inverno a Compostela a etapa que vai da Bandeira a Ponte Ulla, con impresionantes pontes e miradoiros sobre o Ulla, pazos e igrexas románicas, castros e cruceiros, todo envolvo nesas fermosas paisaxes do val ullán tan cantado por escritores e poetas. Traemos aquí este artigo que resume ista andaina para animar aos nosos paisanos a facer este inesquecible percorrido mesmo no inverno que se aveciña, cando os camelios comezan a florear, viñedos se visten de dourado e o intenso verdor toma novamente os campos que un outono de seca deixou medio descoloridos. Unhas terras que pola escasa altitude sobre o nivel do mar ofrecen un clima e unha flora peculiares e que os veciños de Deza e Tabeirós temos tan á man.

Na andaina participaron máis de medio centenar de peregrinos, os máis deles procedentes de Monforte de Lemos, comezando o percorrido na vila da Bandeira, para continuar por onda a casa señorial da Casela e as terras chás do val do Cervaniña en Lamela. Na igrexa de Dornelas, cumprindo co noso labor de voluntario guía ofrecemos aos participantes unha resumida referencia histórico-artística desta igrexa románica e da parroquia.

Xa en plena ribeira do Ulla, despois de atravesar as carballeiras e piñeirais de Loimil, houbo tempo para parar nunha taberna en Castro, a parroquia do inesquecible e admirado amigo Manuel Raimóndez Portela que aquí ten unha estatua adicada. Aquí puidemos botar unha ollada á capela das Angustias da Silva, que xentilmente franqueou o sancristán da parroquia e mesmo ofreceu ampla información da mesma e do entorno parroquial. Logo, os camiñantes acordaron subir ao miradoiro de Castro, que aínda que supón apartarse do camiño case medio quilómetro en empinada costa, ben paga a pena polas panorámicas que poden ollarse das ribeiras do Ulla e as terras que domina o Pico Sacro. Tamén houbo un pequeno desvío do camiño de peregrinación para achegarse ao Santuario de Gundián baixo as pontes do Ulla onde estivo emprazado o antigo mosteiro de San Xoán da Cova.

Logo houbo que valerse do autobús para ir ao miradoiro de Gundián que ofrece impresionantes vistas das pontes do Ulla que por aquí baixa profundo e sen présas por fundirse na Ría de Arousa. Neste concorrido e ben coidado miradoiro moitos dos peregrinos aproveitaron para deixar memoria do lugar facendo un bo mollo de fotos. Antes do xantar, tivemos tempo tamén para visitar exteriormente a igrexa románica de Santa María Magdalena en Ponte Ulla, xa que estaba pechada coma tantas outras que se atopan ao longo do Camiño, o mesmo ca o posto de turismo do Concello de Vedra, aspectos negativos que non axudan á promoción do mesmo. Tamén en Ponte Ulla demos unha volta para ollar fonte e lavadoiro típicos, praza e cruceiro, a antiga escola nacional, así coma o famoso capitel do "Milagre de San Nicolás" chantado na parede dun casal ao carón do Camiño.

Despois de xantar na Aldea Grande de Ribadulla, cos Amigos do Camiño de Inverno visitamos o Pazo de Oca, nesta ocasión envolto pola brétema do outono que sen a penas mollar, fixo resaltar aínda máis o colorido e as sensacións, nesta inesquecible visita ao que se ten recoñecido coma o "Versalles Galego".

Foi, en fin, outra etapa da peregrinación a Compostela á que asistimos grazas a invitación da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, que preside Aida Menéndez, e que terá culminación o domingo 26 do presente mes coa última etapa do Camiño, que nos levará deica a catedral de Santiago.

Compartir el artículo

stats