"Nesta zona sempre se chamaron rúas, os seráns son máis propios da costa". Así se refiren María José González Acevedo e Sara Fernández Muradás á segunda edición da Rúa de Zobra que acollerá este sábado esta aldea lalinense. Alí recrearánse as manifestación culturais propias duns eventos vencellados a oficios como a fía do liño ou as mallas, que agora practicamente esmoreceron. As representantes de Zobra Camiña, coletivo organizador, non son capaces de precisar desde cando se celebran esta rúas, pois nin os máis vellos da aldea o coñecen ao tratarse dunha tradición que se perde nos tempos.

Para revivir esta celebración os veciños e foráneos que o desexen poderán achegarse o sábado a partir das 19.00 horas a Zobra. A festa arrancará á beira do centro social, no lugar de Cerdeiriña, cun pasarrúas. Logo o poeta lalinense Celso Fernández Sanmartín, un máis xa da aldea, intervirá antes da cea prevista no lugar de A Eira Vella. Da música encargaránse As Pandereteiras de Zobra e os grupos tradicionais Os Trasnos de Doade, Tanxugueira, As Ferreñas do Monte do Irixo e tamén haberá algunha sorpresa. Para cear é convinte reservar antes do venres nos teléfonos móbiles 629 750 302 e 620 357 935 e o ingreso dos 10 euros que costa, deberá facerse no número de conta ES35 2080 5101 4930 40006491. Na cea servirase un menú a base de: Tortilla, lacón, pincho cerdeiriña, empanada, roscón, bebida e café. Amais, haberá servizo de bar con pinchos.

María José e Sara invitan a participar nesta festa tradicional e, sobre todo, a que as persoas ou grupos que o desexen leven os seus instrumentos para poder sumarse así aos grupos musicais nunha celebración que se concentrará sobre todo ao remate da cea. Alí haberá un sorteo de produtos como mel da aldea, licores ou ata uns zocos ou unha boina. Estes presentes foron donados polos colaboradores desta celebración que substitúe á antes chamada serán de Zobra.