Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O San Xoán das Baratas cobra nova vida

- Unha quincena de rapaces asume a organización dunha cita que ten case medio século - A festa incorpora un taller de herbas e unha proposta escénica da actriz Cristina Collazo

Algúns dos rapaces da organización mostran os carteis e a bruxa tallada para o 'photocall'. // Bernabé/Javier Lalín

No ano 1970 catro rapaces do barrio das Baratas de Silleda comezaron a facer a fogata de San Xoán: Os irmáns Pepe e Ramón Ares Fondevila e César e Carlos González Fares. Nos 47 anos transcorridos desde entón só deixou de prenderse o lumeiro en catro ocasións: Unha por meteoroloxía adversa, outra por unha celebración da Romaría do Rapaz, outra a petición da Escola de Música -por coincidir co seu evento- e a última pola morte dun dos seus mentores: César. Así o lembra Lucía Ares, quen, canda outros veciños, tomara hai anos o relevo dos seus irmáns e agora pasa a remuda á xeración dos seus fillos.

Son quince os mozos que asumen a organización, algúns residentes na zona e outros por amizade: Sabela Novo, Mario Rodríguez, Aroa Lázara, Barca Pérez, Maino Ares, Miguel García, Rafa Blanco, Antía López, Alín Dioune, Laura Villanueva, Lara Rodríguez, Nerea Costa, Victoria Tarallo, Laira Rodríguez e Antía Nistal. Como xa aconteceu o ano pasado, todos eles contan coa coordenación duns cantos adultos, que os axudarán na loxística para teren todo a punto para a noite do 23. Entre as principais novidades deste ano están: Unha proposta escénica a cargo da actriz bandeirense Cristina Collazo; un obradoiro didáctico coas herbas de San Xoán, que serán recollidas coa finalidade de preparar "a auga purificadora desa noite máxica"; e o propio cartel anunciador, elaborado por Xosé Filloi, veciño e asiduo da cacharela que leva uns anos emigrado en Nova Zelandia coa súa familia.

A actuación de Cristina Collazo dividirase en dúas partes: De 22:00 a 23:00 horas estará máis centrada nos nenos, con contos e lendas de San Xoán e obradoiro de caracterización para transformar aos presentes en trasgos e fadas do bosque para realizar a queimada. A partir das 23:15 levará a cabo unha dramatización do conxuro da queimada con axuda dos nenos e algunha que outra participación do público. A medianoite, os Xans presentes daranlle lume á fogueira.

Tiques á venda

A Noite Máxica das Baratas, como tamén se deu en chamar a cita, ten xa á venda os tiques para a cea do venres 23. Os adultos pagan 8 euros por un menú a base de panceta, chourizos, sardiñas, queixo con marmelo, rosquillas, auga, refrescos, viño e queimada. O custe para os nenos será de 4 euros -agás os menores de 5 anos, que poderán cear de balde- e incluirá canciños quentes. Os tiques, que serán cambiados por pulseiras na noite da fogata, poden adquirirse ata a véspera -xoves 22- nos establecementos BC Peluqueros e Mercería Sonia.

Compartir el artículo

stats