Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roteiro de Soutolongo (III) · Os castros (I)

O castro con máis nomes da comarca

Unha lenda esclarece a quen debe corresponder este xacemento, situado no límite entre Soutolongo, Vilatuxe e Lodeiro e merecente de recoñecemento polo seu gran potencial

Castro de Lodeiro (Imaxe LIDAR, DepoDeza) mostrando as estruturas defensivas.

O Castro de Soutolongo está situado nos límites de tres parroquias: A mencionada, Vilatuxe e Lodeiro e, a escasa distancia, atópase o límite coa parroquia de Barcia. Os veciños das aldeas de Lodeiro e Vistalegre, que pertencen a Santa María de Soutolongo, teñen fincas no castro e arredores e o mesmo sucede cos veciños de Castro de Abaixo (parroquia de Sampaio de Lodeiro) e cos de Castro de Arriba (San Lourenzo de Vilatuxe).

Esta situación foi, sen dúbida, unha das causas polas que sempre houbo unha gran confusión acerca do seu verdadeiro nome. De feito o castro é recoñecido baixo diferentes nombres: A Aurela do Castro ou Castro da Urela e Castro de Lodeiro, de Vistalegre, de Castro de Arriba, de Castro de Abaixo, de Vilatuxe e de Soutolongo. En total, oito nomes diferentes para un mesmo castro, que o converten no castro con máis nomes de toda a Comarca de Deza.

A referida confusión traspasou o pensamento popular e chegou a crear unha notoria incertidume no mundo da cultura e da investigación. Así, nunha das primeiras referencias que coñecemos, Álvarez Limeses (1936) sinala a existencia dun castro ao Oeste da parroquia de Lodeiro. Uns anos máis tarde, Crespo Nazara (1951) menciona o castro de Lodeiro e afirma que se atopan nel algunhas mámoas. En 1954-1956, Filgueira Valverde e García Alén indican que, segundo a microtoponimía, hai un castro en Lodeiro ( San Pelagio), e outros en Soutolongo, Vilatuxe (San Lorenzo) e Lebozán. En 1989, Armando Vázquez e Daniel González Alén caen parcialmente na confusión de Filgueira Valverde ao sinalar o castro de Lebozán pero identifican correctamente o de Soutolongo-Vilatuxe.

Retrocedendo á Idade Media, nun documento do Mosteiro de Oseira de 1235, relacionado coas maiordomías que tiñan en terras de Lalín, aparece a primeira referencia a este castro e non ofrece dúbidas acerca da súa pertenza a Lodeiro ( Castro de Lodeyro). Esta importante referencia indica claramente que este castro debe ser coñecido como Castro de Lodeiro e iso mesmo se deduce na delimitación das porroquias de Soutolongo e Vilatuxe no Catastro de Ensenada (1752).

Manuscrito de Manuel Mato

A cruz barroca, elaborada en prata, que tiña a igrexa de Soutolongo e que se portaba nas grandes solemnidades relixiosas con extrema delicadeza, procedía, segundo unha lenda antiga, dunha capela que houbo no castro. Existen varias versións desta lenda, transmitida oralmente dunhas pesoas a outras, pero o relato que nos deixou manuscrito o cura Manuel Mato baixo o título Notas Parroquiales e Curiosidades Antigas de Soutolongo é, posiblemente, o que mellor recolle a información: "Os vellos contaban a lenda da cruz do Castro. Dicían que a cruz parroquial de Soutolongo aparecera no Castro de Ludeiro e que se armou unha gran disputa entre os habitantes de Soutolongo e as outras parroquias que rodeaban o castro, especialmente Vilatuxe, por considerarse todos eles con dereito á cruz. Para resolver a disputa decidiron, por acordo entre todos eles, colocar a cruz nun carro tirado por dous bois, que non pertenceran a ningún dos veciños das parroquias en cuestión. Xunguiron os bois e puxéronos ao carro, no medio do castro, deixándoos libres (antepostos) para que tomaran unha dirección e marcharan cara a algunha das parroquias dos arredores que se disputaban a cruz. Os bois dirixíronse cara a Soutolongo e desta forma quedou aclarado quen debía ser o propietario daquela valiosa cruz".

O desenlace dos acontecementos relatados na lenda, decididos polo azar, puxo en evidencia que a parroquia á que se lle debía atribuir o Castro era Soutolongo.

Pola súa ubicación o castro de Lodeiro é un dos que se atopa a maior altura, respecto dos 32 xacementos similares existentes en Lalín. Domina unha panorámica visual moi ampla e permitíu aos seus primitivos habitantes controlar con facilidade todo o seu contorno. Diferéncianse dous espazos: O superior ou aurela e, posiblemente, dous anexos ou antecastros, situados ao NL e Leste da croa, que en conxunto ocupan unha superficie estimada en 2,65 Ha.

As estruturas defensivas deste castro de altura, localizado nun punto alto da divisoria hidrográfica Deza Superior-Asneiro, son impresionantes e non só poñen de manifesto unha gran adaptabilidade ao espazo, senón tamén un carácter notablemente funcional. O recinto superior ou croa, coñecido como aurela, está rodeado por unha grandiosa muralla e cunha altura relativamente pronunciada polo lado SO, o máis batido polos vendavais que entran en Galicia desde o Atlántico. A altura da muralla funcionou como un abrigo natural contra os impetuosos ventos ávregos, que levantarían as cubricións de palla das chouzas castrexas como se foran plumas. Serviu de protección colectiva para todas as construcións do poboado. A monumentalidade das estruturas defensivas desempeñou diversas funcións pero, neste elevado castro, tamén protexeu dos vendavais.

Tanto no recinto superior como nos outros dous teñen aparecido restos arqueolóxicos relacionados con utensilios da vida diaria dos seus antigos moradores, especiamente cando se realizaron traballos agrícolas tales como as estivadas (cultivo de centeo no monte queimando, previamente, a cuberta vexetal). Entre eses obxectos figuran: Muiños chairos, cerámicas, cuarzo cristalizado, cantos rolados, puntas de ferro, anacos de barro con marcas de varas, un afiador de anfibolita, restos de madeira carbonizada, etc.

De toda a información (escrita, gráfica, bibliográfica, audiovisual) que se leva difundida deste castro, especialmente a máis recente, caben destacar os traballos feitos no proxecto DepoDeza. Concretamente, na información en fichas de cada un dos 107 castros recatalogados na comarca podemos ver a importancia que lle dan ao castro de Lodeiro (Soutolongo). Así, no apartado de "orixinalidade do castro" podemos ler o seguinte: "Dos castros catalogados en Lalín, este é sen dúbida un dos de maior interese. O seu emprazamento prominente, as súas dimensións, o seu completo sistema defensivo, a súa intervisibilidade con outros castros da zona, o seu folclore, e o seu bo estado de conservación, son algúns dos argumentos que xustificarían o seu interese". A esa información debemos engadirlle a que aparece no apartado "potencial de ilustración (xacemento e contorna)". En concreto, afírmase: "A Aurela do Castro contén ó noso parecer, os elementos máis relevantes para comprender tanto a arquitectura como os modos de vida da cultura castrexa. A isto súmase a espectacularidade do seu emprazamento e a boa conservación das súas estruturas".

En definitiva, son moitas as razóns polas que este castro merece un recoñecemento e valoración de carácter extraordinario.

Compartir el artículo

stats