Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O traxe do século XIX

Unha análise da indumentaria masculina no Concello de Cerdedo a través de imaxes e testemuñas

Feirantes. // Ruth Matilda Anderson

"A idea dun traxe típico dunha localidade ou provincia provén das series de gravados costumistas do século XIX aos que, sendo unha fonte de documentación importante, non se lles pode dar creto sen un estudo e contraste previos da información que nos achegan, posto que a xente non levaba un uniforme e cada persoa imprimía á súa vestimenta un selo persoal".

A teor do expresado na introdución d'O traxe, unidade didáctica editada en 2002 polo Museo do Pobo Galego, propúxenme, peteirando nas gacetas decimonónicas, bosquexar a indumentaria masculina de Cerdedo a través das requisitorias. A ver como saio desta.

A finais de outubro de 1836, a igrexa parroquial de San Xoán de Cerdedo foi obxecto dun roubo. A investigación do caso acabou sinalando como presuntos autores a Salvador Rodríguez e a Francisco Arén, ambos os dous veciños de Cerdedo.

En maio do ano seguinte, o Xulgado de primeira instancia de Tabeirós, a través dos boletíns oficiais, esixía o seu arresto para que emprestasen declaración, facilitándolles ás forzas da orde pública das catro provincias senllas descricións ("señas" ou "señales"). Amais dos trazos faciais e corporais, tamén se engadía a súa indumentaria ("fisonomías y vestido"). Chama a atención a pouca estatura dos mencionados, acorde coas miserentas condicións de vida da meirande parte da poboación. Valla de exemplo que, no ano 1865, Galiza presentaba a taxa máis alta do Estado de mozos rexeitados para o servizo militar por non dar o talle (20%). Que as pezas de roupa fosen significativas para a identificación dos sospeitosos viña corroborar que, naquel tempo, o vestiario da xente do común se reducía á roupa de diario ou "de cotío" (unha vestimenta para todos os días) e, os desafogados, unha muda para os domingos ou días de festa (traxe de gala ou de garda). Dedúcese tamén que cada unha das pezas de vestir só era substituída cando xa non lle quedaba tea para soster máis remendos. En palabras do pobo, os humildes sempre andaban "sucios e rachados". En Cerdedo a necesidade foi moita.

Sen máis arrodeo, velaquí a descrición de Salvador e mais de Francisco:

"Señas de Salvador Rodríguez.- Edad 36 años, estatura 5 pies (140 cm), pelo y cejas negro, ojos negros, nariz y cara regular, barba poca, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de somonte color pardo, chaleco de manchester azul, sombrero redondo. Señas de Francisco Arén.- Edad 26 años, estatura corta, pelo y cejas negro, ojos ídem, nariz y cara regular, color trigueño; vestía pantalón y chaqueta de burel, chaleco de manchester negro, sombrero viejo".

Respecto ao pantalón e á chaqueta de Salvador Rodríguez, diremos que, en xeral, a expresión "de somonte" é unha locución adxectiva que, falando de tecidos, cualifica o pano como "basto, burdo, áspero, al natural y sin pulimiento" (dic. RAE). Segundo o mesmo dicionario, "somonte" é o terreo situado na faldra dunha montaña. Correspóndese á forma galega "pardomonte". O hábito non fai o monxe, mais, o hábitat facía e vestía o leigo. Con certeza, o traxe de Salvador era de la basta, sen abatanar, proveniente de rabaños autóctonos ou casteláns. A parda é a cor "semejante al de la tierra o al de la piel del oso, y que tira a marrón o a rojizo" (dic. RAE), sen tinguidura. No tocante ao "chaleco de manchester", ora falamos dun colete confeccionado en pana grosa, "calidade Manchester" (de 25 a 40 acanaladuras en 10 cm de tea), ora falamos dunha peza confeccionada con tea de algodón importada de Inglaterra, fornecidas mormente por vendedores ambulantes. O sector téxtil foi o abandeirado da revolución industrial en Gran Bretaña, un proceso que supuxo a decadencia da confección artesanal (menos rendíbel) en todo o mundo e, xa que logo, o das fibras tradicionais: a la e o liño. A cor do chaleco era a azul, probabelmente azul mariño. Segundo o dic. RAE, "sombrero redondo" é sinónimo de "sombrero de copa", porén, entre varias posibilidades, o chapeu ao que cecais se faga referencia é o de copa esférica e de aba media ou larga, elaborado en feltro.

Respecto ao pantalón e á chaqueta de Francisco Arén, a expresión "de burel" pode ser galeguismo ou gralla tipográfica (por "de buriel"). O dicionario RAE dinos que o "paño buriel" é o de cor parda, da cor natural da la. O traxe de Francisco tamén era de la, mais de mellor acabado pola acción do batán. A maiores, vestía un chaleco de cor negra, feito co mesmo tipo de pana que o do compañeiro. Do seu chapeu só podemos dicir que estaba raído polo uso.

Falando de teares, batáns e xéneros de la, Eugenio Larruga, no tomo XLIV das "Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España" de 1794, ofrecénos un magnífica radiográfia da artesanía do tecido na Galiza de finais do XVIII e comezos do XIX:

"En fin, se puede decir que en esta provincia [Santiago, na que se incluía Cerdedo] no hay fábrica alguna de lana, y solamente en algunos telares se fabrica lo que llaman buriel para uso de los labradores en su común vestido: cada uno de dichos telares no ocupa más persona que su dueño. Todos los demás géneros de lana que se consumen vienen de Castilla y de países extranjeros.

En alguna que otra aldease encuentra también algún telar en que se texe algún buriel de lana del país. Este género solo lo consumen los labradores en su común vestir. En cada uno de estos telares no se ocupan otras personas que sus dueños. No hay hilanderas de profesión, pues cada labrador trabaja la lana con su familia por sí en las noches de invierno, ínterin se están calentando, sin más torno por lo general que el de sus dedos. En tal qual paraje se halla algún batán tan desaliñado, como que únicamente sirve para dicho buriel.

Se calcula que lo que se fabrica por año en Galicia en la clase de texidos de lana asciende a quinientas y setenta varas (1 vara: 83 cm aprox.) de paño somonte; de buriel, ciento cincuenta mil quinientas y sesenta; y de picote, quarenta y siete mil quatrocientas diez y nueve. Debería aumentarse esta industria casera para excusar lo que surte de paños somontes y burieles la Castilla".

En definitiva, dependendo do mellor ou peor acabado do xénero, fiando e tecendo na la obtíñase, nesa orde, o pano de burel, o de somonte e o de picote. O picote, lera ou candil tamén se elaboraba entretecendo la e liño. Co liño fino, ben mazado no folón, facíase lenzo. O liño vasto era a estopa e, en contacto prolongado coa pel, provocaba proído.

Falando do pano de picote, no periódico madrileño "La Revista Española" do martes 23 de decembro de 1834, lemos o seguinte suceso: "De San Juan de Cerdedo con fecha del 10, escriben lo que copiamos a continuación: Ha sucedido en la parroquia de San Martín de Forcarey, del arzobispado de Santiago, un robo de los que jamás se han oído. Enterrado un cadáver el día 23 de noviembre, en aquella misma noche lo sacaron de la sepultura y lo desnudaron, dejándole sin el hábito de picote y calcetas".

Empregados como mortalla, o "hábito de picote" era un saial rudo, áspero ao tacto ("que pica"); as "calcetas", unha sorte de medias ou calzóns longos (cirolas). Os mortos non se amolaban, pois xa nada tiñan que rañar.

Continuará...

Compartir el artículo

stats