"Confío en que ler esta novela sexa unha experiencia intensa. De non ser así, fracasei, porque son as palabras as que van máis alá. Hai violencia nas palabras, tanta coma poesía e tenrura. Tamén lles digo: a realidade é moito máis dura". Son palabras do escritor e xornalista Miguel Ángel Sande Corral, que na noite de onte recibiu na Estrada o Premio de Novela Manuel García Barros pola súa obra A Candidata, unha peza que amosa o impacto da crise económica nunha familia.

"É unha aposta arriscada, diferente", dixo o autor da súa obra. "Confío en poder axudar a manter o nivel deste certame, que xa é un referente das nosas letras, e estar á altura dos autores que o gañaron antes ca min", sinalou tras recibilo premio de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, do escritor e membro do xurado Carlos Loureiro e do alcalde da Estrada, José López Campos. Xuntos entregaron ao gañador a novela editada por Galaxia, o pin conmemorativo e representativo de Ken Keirades, o diploma e o cheque cos 9.000 euros que dotan este galardón literario estradense.

O gañador explicou ao público congregado no Teatro Principal que A Candidata narra a historia dunha familia normal que dun día para outro sofre unha quebra económica, á que se segue unha quebra emocional. Nai, filla e pai van contando a experiencia, cada un deles cunha proposta narrativa difernte, de que a crise leve por diante á familia. "O importante é como se conta. Nunha situación así, difícil, extrema, as palabras tamén tiñan que ir ao límite", explicou Miguel Sande.

O xurado encargado de fallar ol premio estivo composto por Inma Otero Varela, Carlos González de Lema Malvar, Armando Requeixo Cuba, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro Rodríguez. A peza publicada por Editorial Galaxia foi escollida entre as 21 candidatas que se presentaron a esta edición do premio que leva o nome do célebre escritor estradense.