Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcas de Oseira nos lindes de Dozón e O Irixo

O mosteiro cisterciense deixou pegada dos seus dominios con marcos gravados, algúns con petróglifos inéditos

As marcas do mosteiro de Oseira nun dos esteos da mámoa.

Os dominios do Mosteiro de Oseira chegaban dende tempo inmemorial ás terras de Dozón que foi Coto Real conservándose algúns dos marcos xurisdicionais do cenobio cisterciense no lindeiro entre este concello e o de O Irixo (Ourense), nos lugares coñecidos por as Brañas de Lagorzas, Monte das Mámoas, Marco de Pulgán e Coto Xacente. De marco podía facer calquera elemento existente que tivera certa notoriedade con respecto ao entorno, reutilizando mámoas ou menhires ou construíndo un ao efecto aproveitando unha lousa ou un penedal. En todos eles para distinguilos convenientemente facíanse gravados con símbolos e inscricións. No percorrido que fixemos recentemente por este territorio lindeiro da nosa comarca atopamos varios marcos con petróglifos, algúns deles inéditos que referimos neste artigo.

O primeiro marco atópase chantado ao pé da estrada local que vai de Dozón a O Irixo marcando os lindeiros destes concellos. Trátase dunha pedra fita de 1,5 metros de alto no que está á vista por 0,40 de ancho e que pola forma debeu ser un menhir na prehistoria, presentando varias coviñas e riscos antigos daqueles tempos remotos, aos que se superpuxeron na parte inferior unha "cruz prometeada" duns 50 cm. a cada xeito e as letras "M.O", que fan referencia ao Mosteiro de Oseira e xa en tempos máis próximos e as letras "D." e "I.", abreviaturas dos concellos de O Irixo e Dozón a cada lado do marco.

Semellante cruz e as mesmas iniciais "M.O." figuran nunha lousa dunha mámoa que forma unha necrópole nas inmediacións do marco referido, no coñecido por Monte das Mámoas, tamén no lindeiro entre Dozón e O Irixo. A mámoa sinalada nos mapas coma Mámoa de Segade anda polos vinte metros de diámetro por dous de altura e conserva milagrosamente os esteos que forman o dolmen, aínda que falta a lousa que facía de tapadeira. Na cara oposta á inscrición de Oseira figura outra coa lenda "S. Salvador de O". A anta estaba oculta por un espeso mato que tivemos que rozar e un sinal do Couto de Caza de Dozón, polo que o supoñemos que o petróglifo estivo inédito deica a actualidade.

O campo de mámoas referido cos enterramentos dos antigos habitantes destas terras entre os séculos -V e II, está catalogado pola D. X. do Patrimonio coa denominación do conxunto de Mámoas de Segade ao acharse próximas a este lugar da parroquia de San Cosme de Cusanca (O Irixo). Ao longo dun antigo camiño que arrinca da estrada de Dozón ao Irixo e vai polo lindeiro destes dous concellos nunha liña de pouco máis dun quilómetro e medio aínda poden apreciarse na actualidade media ducia de mámoas que dende setecentos metros de altura ofrecen unha impresionante panorámica dos contornos. Todas elas andan polos 20 metros de diámetro e alturas de case 3 metros, aínda que algunhas foron rebaixadas por labores agrícolas e todas, agás a referida das marcas, semellan violadas, podendo ollarse buratas de distinta consideración como consecuencia de serlles retiradas as lousas que formaban o dolmen.

Na encrucillada do camiño que vai de Abeledo á Cruz da Grade e os que baixan a Sanguiñedo (Dozón) e O Castro (Cusanca-O Irixo), a pouco máis de 500 metros do casarío abandonado do Foxo do Cabrito, atópase un marco xurisdicional que debeu ser desprazado ficando deitado na actualidade cando o ensanche da pista polas obras do TAV que deixaron unha escombreira nas inmediacións e do que nos deu conta o investigador lalinense Antonio Presas, que publicou recentemente un traballo sobre esta pedra fita-menhir. Trátase dun penedo de xisto con cuarzo que supera os 2 metros de altura por 0,5 na parte máis ancha e presenta unha cruz latina moi erosionada e medio cento de coviñas dispostas en varias ringleiras de canles na parte superior e varios riscos na parte inferior. O marco podería ser a denominada "Piedra de Sumadeiro" que figura como lindeiro de Sanguiñedo polo S. no Catastro da Ensenada situado preto doutro coñecido polo Marco de Pulgán, que, segundo contan os veciños, foi destruído en tempos recentes.

Nesta divisoria entre Dozón e O Irixo, localizamos tamén petróglifos inéditos deica o de agora no Coto Xacente, preto xa da Cruz da Grade, onde a maiores concorre o lindeiro do concello de Lalín. Nun penedal de xisto vese unha cruz latina moi desgastada pola erosión e unhas vinte cazoletas de entre 5 e 7 centímetros dispostas sen aparente orde nunha rocha chaira duns 6 metros cadrados.

Para rematar queremos agradecer aos amigos Manuel Regueiro, Paco López Cuíña e Manuel Méixome, a súa colaboración no traballo de campo e as fotos, e a Luís Fernando Pérez, Antonio Presas e César Gómez Buxán, as súas achegas para a realización deste artigo.

Compartir el artículo

stats