Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Réquiem por Cerdedo

O 31 de outubro Capitán Gosende andivo as corripas de Cerdedo en modo espectral para reclamar da autoridade unha amnistía

A comitiva da Pantalla pousou un ataúde ás portas da antiga Casa do Concello de Cerdedo.

En Cerdedo reina a paz dos cemiterios. O rei morreu, viva o rei! O pasamento, malia ser agoirado acotío, sobreveu coa violencia dun trebón cociñado nas caldeiras do inferno. As exequias foron tan íntimas coma multitudinarias, o pobo ficou nas súas casas carpindo para dentro, dixerindo unha inmensa hostia de pedra sen furar.

O espectáculo sería digno de vivirse en directo. Montaña arriba, des o alto, para recibir na face o eco furibundo da masa afervoada. Porén, do fondal daqueles vales amuados só ascendeu a fumeira calma e difusa da resignación. Estaba de Deus. Non somos nada.

A lume lento, Cerdedo consómese nas queimas do restrollo, vestixios dunha colleita definitiva. Hannibal Lecter leu este ano o pregón das festas patronais e o año, brasonado de medo, escolleu un canonazo nas tempas como método de suicidio.

Xa non bole o sangue, apenas a clorofila, e deitado á raxeira migueleira ou martiñá, Cerdedo dedícase en exclusiva a realizar a fotosíntese.

Por non desentoar, en Cerdedo tampouco cambia o clima, que para iso cómpre unha maioría necesaria e, na vertical, instalouse o ollo absoluto do furacán, a calma chicha.

Ao socairo dos ventos favorábeis, a mazaroca demográfica balorece nos canastros, debullándose de seu, gran a gran, para maior enxalce da festa de defuntos.

Unha hora máis, unha hora menos, o planeta recompón os reloxos. Tempo perdido, pois en Cerdedo anoitece a todas horas e, nun ermo privado de alboradas, a avelaiona arremeda cachazuda a salmodia do cuco: Noite pecha e todo sereno!!

Houbo, en espírito e carne mortal, pitias e vedoiros que anticiparon a catástrofe. Mais non houbo estremecemento, nin tan sequera un finxido salaio, porque o infausto destino estaba escrito nas pedras e as raíces do fado tupiran os aliviadoiros da carraxe.

Cerdedo extravíase nos seus labirintos, enrodélase nas súas espirais, reconcéntrase nos seus concéntricos circunloquios, chouta de coviña en coviña deica a cova derradeira.

Cerdedo cala

Cerdedo cala, abaixa a cabeza, torce a vista, troca de beirarrúa para non mudar de camiño, sae dunha rotonda para meterse noutra. Nas espadanas, a badalada fúnebre reitérase nun gif vicioso e macabro.

Cerdedo levaba tanto tempo querendo esquecerse que, de puro fastío, confinou o seu futuro nun gueto da memoria. Cerdedo perdeuse de vez, xa non acha o seu rastro e vadía desorientado pola estrada nacional, arriba e abaixo, á espera dun convoi humanitario que sublime a súa osamenta.

Cerdedo finou sen recibir o viático. Cerdedo foi inhumado sen mortalla, sen pranto, sen panexírico, sen epitafio, sen o avío da tanatopraxia. Ao pouco do desprendemento, a súa ánima sumouse ao cortexo errante dos corpos pechados en falso. Co postremo suspiro, o Cerdedo 2.0 pasou dos farois de led aos fogos fatuos, do wifi á psicofonía.

Consolémonos, Cerdedo percorrerá eternamente as corredoiras de noso, Cerdedo revolverase na tumba e riscará o nome do iscariote na tampa do ataúde, Cerdedo falaranos en soños, Cerdedo apareceranos aos pés da cama pedíndonos misas ou unha segunda autopsia, Cerdedo reencarnarase en Estado libre asociado ou roldará os rueiros transfigurado na calivera das codias; Cerdedo agardará paciente o día do Xuízo Final para tirar da manta.

Consolémonos, Cerdedo atravesou Portalén, Cerdedo xa viaxa ceibo a bordo da Voyager na procura dun sol que lle derreta a xeada. Po de estrelas é, en po de estrelas converterase.

A noite do 31 de outubro o colectivo Capitán Gosende decidiu por 6ª vez en 6 anos 6 honrar os escuros numes do Magosto, andar e desandar as corripas de Cerdedo en modo espectral, iluminarse coa penumbra da delongada posguerra, para reclamar da autoridade un punto de luz, unha raiola de esperanza, unha amnistía.

Cando a comitiva pousou o pobre cadaleito na escalinata do Concello, casa mortuoria, alguén alleo á familia do finado berrou: "Aquí no hay nada que ver!". E, por desgraza, tiña razón.

Compartir el artículo

stats