Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O monumento natural da Fraga de Catasós

A figura máis importante e destacada na defensa e protección deste espazo natural foi o científico Ernesto Viéitez Cortizo

Algunhas das árbores deste monumento natural. // Bernabé/Lusimy

O Monumento Natural da Fraga de Catasós é unha das xoias forestais do país. Coma recoñecemento da súa importancia foi declarada espazo protexido no 2000 e no 2007 incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. No 2016 tamén recibiu a distinción de Área de Especial Interese Paisaxístico. Este fantástico "bosque" conta cuns 500 carballos e castiñeiros centenarios e bicentenarios, xunto varias grandes sobreiras, formando todo unha preciosa estampa forestal e de obrigada visita para os amantes das árbores.

Este bosque mixto esténdese ben conservado varias hectáreas máis fóra do Monumento Natural, no que cabe destacar o souto centenario de Casas Vellas. No seu conxunto alberga unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 400 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos, conformando unha fraga de alto valor ecolóxico.

Pero a Fraga de Catasós debe a súa popularidade e singularidade, con respecto a outras fragas galegas, á presenza de castiñeiros que acadan unha altura case única en Europa. Atopámonos cunhas árbores nun estado silvestre que non foron nin podados e demoucados que medraron apertados nun espazo moi estreito, e que vistos dende a súa base sorprenden por ter uns robustos e grosos troncos monopódicos dereitos e de infrecuente altura na procura de luz. Os 5 máis impoñentes pasan por riba dos 30 metros e contan cun perímetro que oscila entre os 3,20 e os 5,40 metros. No ano 1984 o furacán Hortensia tombou outro incluso de maior talla. Unha datación dos aneis de crecemento realizada en 1993 por Pérez Antelo, determina que teñen máis de 250 anos chegando a contar ata o ano 1759, achando que polo tipo de crecemento dos aneis "a cronoloxía de Lalín, reflectiría situacións macroclimáticas a nivel de grande parte de Galiza" en comparación con outros estudos dendrocronolóxicos realizados por toda Europa.

Esta fraga pertenceu ao Pazo de Quiroga, sito no próximo lugar de Quintela na parroquia de Catasós. A casa estivo vinculada por uns anos a literata naturalista Emilia Pardo Bazán (1851-1921), casada cun dos herdeiros, e na que pasaría longas estadías. Disque este feito tería influído na súa escrita e obras coma "Los Pazos de Ulloa" (1886-1887) e a súa continuación "La madre naturaleza"(1887) evocan unha natureza forestal descrita con anhelo e minuciosidade e que ben sitúa ao lector no escenario da propia fraga. Coñécese tamén co nome de monte d'As Zancas ou As Zancas de Arriba, termo co que se denominan as "leiras grandes e pechadas". Zanca tamén significa "pernas longas e delgadas" e hoxe ben poderíamos establecer unha alegoría cuns castiñeiros que parecen reproducir tales atributos.

A figura máis importante na defensa e protección desta fraga foi o científico don Ernesto Vieitez Cortizo (1921-2013). Certamente a el débeselle que estes maxestuosos castiñeiros sexan coñecidos internacionalmente. O investigador contou con familia en Prado (Lalín) o que lle podería ter permitido "descubrir" esas árbores. Coma investigador no estudo do castiñeiro na Misión Biolóxica de Galicia foi membro da Comisión Internacional do Castiñeiro. Nunha das súas xuntanzas en Italia, no ano1953, fai amizade cun dos máis reputados especialistas mundiais desta árbore, o representante norteamericano da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e la Agricultura (FAO), o doutor Filippo Gravatt, ao que convida a coñecer estes castiñeiros. A visita a Catasós tería lugar o seguinte ano, acompañados de José Elorrieta, un referente da época no estudo das enfermidades do castiñeiro, e un mozo Fernando Molina que sería, por moitos anos, o director do Centro Forestal de Lourizán. Segundo relata o propio Vieitez Cortizo sobre a visita " Gravatt e José Elorrieta quedaron abraiados?Ó seu regreso a Roma o científico norteamericano fixo que a FAO se dirixise ó goberno español recomendándolle que arbitrase as medidas necesarias para evitar que aqueles castiñeiros fosen abatidos". Como fitopatólogo traballou coa praga da tinta que estaba asolar aos castiñeiros de Europa e logrou grandes avances mediante a técnica dos enxertos con híbridos que tamén experimentou en Catasós. Vieitez Cortizo influíu decisivamente para que a Xunta de Galiza adquirira esta fraga e posterior declaración coma Monumento Natural. Tras moitos anos lograba un recoñecemento de protección efectiva para uns castiñeiros que adxectivou coma "maxestosos e señoriais, a expresión máis fermosa coma árbore forestal".

Pequeno roteiro

A mellor maneira de visitar as Fragas de Catasós é facer o roteiro acondicionado polo seu interior, de 900 metros de lonxitude e moi baixa dificultade, cun desnivel acumulado de tan solo 25 metros. Un bo entretemento para coñecer os recantos deste precioso lugar é localizar as chapiñas numeradas agochadas nos troncos coas que se inventariaron as árbores desta fraga. Así o castiñeiro máis alto figura co número 76, seguido polo 43, 77 o 105 e o 106. Todos eles exemplares únicos. Un dos castiñeiros máis antigos figura co 67. As árbores numeradas entre o 54 ao 66 identifican os carballos máis vellos e de grandes dimensións. Os números 487 e 500 son sobreiras tamén centenarias descortizadas no pasado habendo tamén varios exemplares nunca descortizados.

Compartir el artículo

stats