Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David D. Vázquez Álvarez: "Neira Vilas foi o primeiro autor en galego que lin"

"Ós nenos sóbranlles aparellos electrónicos e fáltalles amor"

David Vázquez, na súa casa.

A Fundación Xosé Neira Vilas acolle mañá, ás 16.30 horas, o acto de entrega do I Premio Xosé Neira Vilas de novela curta, dotado con 1.000 euros e que recaeu no profesor ourensán David Daniel Vázquez Álvarez pola súa obra Diario de Brian, o chinés. O volume será publicado pola editorial Embora.

-¿Qué conta nesta novela?

-O libro é o diario dun neno con síndrome de Down, que relata as súas peripecias dende que empeza a escribir ata que consegue facer un módulo de Mecánica no instituto. O de "chinés" vénlle porque algún compañeiro do colexio lle puxo ese alias polos rasgos dos ollos, pero o protagonista acepta o mote. Teño que dicir que tanto os protagonistas como moitas das esceas que conto son reais e desenvólvense nun colexio de Valdeorras onde traballei moitos anos. Unha das cousas nas que me apoiei para escribir a trama foi un traballo que me regalou a orientadora dun centro educativo sobre un neno que padecía esta enfermidade. Por outra banda, cada vez é máis frecuente que nas obras literarias se visibilicen as vivencias de persoas con discapacidade, cada vez están máis presentes neste mundo.

-É curioso, porque vostede foi mestre de EXB e despois de Primaria, e desde a Fundación Neira Vilas sempre se traballou por fomentar a lectura entre os nenos. ¿Tén a batalla perdida a literatura ante as novas tecnoloxías, ó falarmos da infancia de agora?

-Se son sinceiro, eu ós nenos de agoa véxoos mal, e dánme tristura, porque están privados do que leva consigo o feito de ser nenos. Sóbranlles moitos aparellos electrónicos pero fáltalles amor, fáltalles quen lles conte un conto polas noites antes de durmir, ou unha caricia do pai, ou un colo da nai.

-Éste non é o primeiro premio que gaña, pois xa en 1985, con pouco máis de 30 anos, vence no certame de poesía A Ouriceira, de Val do Incio, e en 2008 consegue o José Saramago de relato curto. Ademais, o ano pasado logrou o Pai Sarmiento con Améndoas e flores silvestres. ¿Qué supón acadar o Neira Vilas de relato curto?

-Pois sinto unha emoción especial por ter logrado este galardón, porque Xosé Neira Vilas foi o primeiro autor que lin en galego, xunto a Rosalía de Castro. Con Memorias dun neno labrego identifiqueime moito, como lle pasou a tantos e tantos lectores. Os relatos de Balbino poden ser os diarios de calquera rapaz do rural de comezos de século. En canto ó premio que recibín de poesía, foi co conxunto de poemas Ribeirán do Sil. Eran escritos de xuventude e, co paso, do tempo, estou convencido de que non eran nada bos. Teño moi claro que o meu non é a poesía, aínda que quen me quere ben di que o que eu escribo é prosa poética.

-No libro gañador do premio de novela curta vostede di que está baseado en personaxes reais. ¿Qué proceso segue para dar forma a unha historia?

-Eu sempre digo que para min escribir é como ver unha película, porque sei cómo empeza pero non teño nin idea de cómo se vai desenvolver. O único que teño claro de cada libro que escribo é o primeiro parágrafo e o último, pero o resto vai saindo segundo escribes, as personaxes vanche pedindo unha ou outra evolución. Eu comecei a escribir moi novo, e pasas por un período durante a xuventude no que perdes o contacto co mundo da escrita, pero despois volves retomalo, unha vez que te asentas.

-¿Está traballando nunha nova historia?

-Algo teño en mente, pero aínda estou dándolle forma.

Compartir el artículo

stats