Doade acolleu onte a súa tradicional malla que celebra a 17ª edición e congregou en torno a medio millar de persoas, que se acercaron para disfrutar dunha xornada recordando vellos tempos. Desde a mañá houbo unha exposición de fotografías na entrada rememorando as mallas anteriores. Tamén estaban os tractores, motores e maquinarias que pertencen ao Museo Casa do Patrón, da parroquia. A mostra de artesanía non podía faltar nesta cita tradicional, na que se ensinaba a facer cestos e tamén se expoñían os traxes que vestían na antigüidade.

Pola media mañá deu comezo a malla cunha entrada dos malladores e malladoras acompañados pola música dos Trasnos de Doade e das diversas autoridades entre as que se atopaban o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez , e o concelleiro de Turismo, Paco Vilariño, entre outras. Deuse o chupinazo e comenzaron os traballos mostrando a malla á pedra, considerada unha das máis antigas. Consiste en coller os mollos de centeo e golpear contra a pedra, aínda que tamén se pode golpear cun pau para desgranar o centeo. Esta é unha malla interxeracional xa que participaron desde os máis cativos e os maiores. Despois hai que limpiar o gran dos restos da espiga para que poida ser empregado e isto faise cun cribador, traballo que normalmente fan as mulleres. A malla con males representa un paso máis adiante na historia. Consiste en colocar os mollos extendidos nun plástico. Os homes colócanse a ambos lados, neste caso foron seis homes. Cos males ou mallos, que son dous paus, un máis longo denominado mangueira e un máis curto, pírtigo, enlazados cunha tira de coiro. Estes paus xiran de forma que, mentras golpean os homes dun lado, os do outro xiran o pau e así sucesivamente. Cando xa levan un anaco mallando, as mulleres danlle unha volta aos mollos para que queden ben desgrados. Despois disto hai que quitar os mollos, e co gran que quedou no plástico recóllese coas vasoiras feitas de vidueiros e límpiase coa cribadeira. Mentres fan este proceso a música das pandereiteiras acompañábaos cos cantares galegos. Despois xa tivo lugar a malla con motores. Nesta ocasión empregouse unha máquina de 1920 a gasoil. Para enlazala coa malladeira emprégase unha polea. Xa arrancado o motor os malladeiros collen as súas posicións arredor das máquinas. Mentres os homes introducen os mollos na malladeira, as mulleres recollen o gran para levalo a máquina limpiadora que separa o gran dos restos de espiga. Por outro lado, a palla sobrante vaise acumulando para facer a meda. Con este traballo en equipo móstrase a solidaridade dos galegos que traballaban conxuntamente neste tipo de tarefas. Finalmente xa chega a malla moderna cun tractor e unha malladeira que xa separa o gran por un lado limpio, por outro a palla para acumular na meda e os restos sobrantes por outro. Mentres os malladores e malladoras realizaban as súas tarefas non faltaba a bota de viño para calmar a sede coa calor que acompañou durante toda a xornada e tamén os cachos de queixo para repoñer forzas.