-Vostede fala do labor que fan as asociacións como divulgadoras da cultura tradicional. ¿Nótase o pulo das xeracións máis novas?

-O certo é que si. Hai uns anos daba a impresión de que a música e o baile tradicionais tiñan o seu lugar só en grupos folclóricos e en escenarios. Agora é coma se se estiveran máis cos pés na terra, coma se fosen un elemento vivo, porque a xente xúntase para tocar, bailar e cantar. Cada vez máis demándase máis clases de música e de baile tradicional cun obxectivo lúdico, coa intención de participar nunha foliada.

-Os Encontros compleméntase con exposicións que, na edición deste ano, se centra na chamada literatura de cordel. ¿Cómo se organizan para montar estas mostras?

-Durante os primeiros anos contábamos sempre coas mesmas exposicións, pero despois atopábamonos coas dificultades de dar con mostras que se poidense mover ou que se poidesen visitar só por un día, así que nas últimas edicións organizámolas dende Santa Ferreña, en colaboración con outras entidades.

-Vista a afluencia de público, ¿nunca pensaron en montar máis Encontros ó longo do ano?

-Sí que nos gostaría, pero en realidade a organización somos un grupo de persoas voluntarias que argallamos todo isto no noso tempo libre, así que non damos para máis.