Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do roteiro do Castro de Sestelo (II)

Un río encaixado

O curso do Asneiro caracterízase por unha gran profundización, con máis de 80 metros en Pontamoas e ribeiras moi escarpadas

Planicie Gresande-Botos-Donsión, atravesada polo Asneiro mediante un pronunciado encaixamento. // A.P.

O tramo do río Asneiro comprendido entre a Ponte Nova, a carón do Polígono Industrial de Botos, e a súa confluencia no río Deza, na Xunta dos Ríos (Cristimil), cunha lonxitude de 12,5 quilómetros, caracterízase pola gran profundización do río que discorre a un nivel moi baixo respecto do seu propio val. De feito, nos perfís topográficos pode apreciarse o doble efecto dun val estreito, profundo e con fortes pendentes en torno ao curso fluvial e un val exterior aberto, extenso e con pendentes normalmente suaves.

Neste tramo, o río salva un desnivel de 100 metros, dado que a Ponte Nova está a unha altura de 450 metros e a Xunta dos Ríos atópase a 350 metros sobre o nivel do mar. En consecuencia, a pendente media do río entre estes dous puntos é dun 0,8%, unha porcentaxe demasiado acusada para o curso baixo ou final dun río.

Nas zonas de encaixamento, como sucede en Pontamoas, as ladeiras ou vertentes presentan un perfil pouco inclinado ata a liña de rotura de pendente, no espazo da bocarribeira e, partires da mesma, a inclinación do terreo, cara o río, acada valores altos comprendidos entre un 25% e un 35%. Os encaixamentos fluviais dos nosos ríos poden considerarse parecidos aos canóns que se formaron en correntes de auga que seccionaron, en vertical, o seu leito cortando as capas dos terreos sedimentarios. En Pontamoas, o encaixamento propiamente dito, sobrepasa os 80 metros de desnivel, formando ribeiras moi escarpadas.

Para que se orixine un encaixamento fluvial ten que haber un levantamento lento do territorio polo que circula unha corrente fluvial e que esta teña capacidade erosiva suficiente para que a súa canle vai escavando as rochas, mediante procesos mecánicos, unha vez alteradas pola meteorización.

Toda a parte sur da conca do río Deza, na que se inclúe a do Asneiro, desde a Falla Marxinal ou gran Falla do Pico Sacro, experimentou unha elevación en bloque, respecto do lado norte, durante o último pregamento alpino, un pregamenteo que deu orixe á formación da Cordilleira Cantábrica, dos Montes Vascos e dos Pirineos. O río Deza traspasa esa liña de falla á altura da Carixa -na parroquia cruceña de Merza-, onde a se atopa a tan só 180 metros de altura sobre o nivel do mar. Por todo iso, a corrente fluvial do curso principal funcionou como unha serra que foi cortando, lentamente, as rochas para regularizar o seu perfil e, no caso daqueles ríos que non puideron erosionar a súa canle, víronse obrigados a superar os desniveis mediante fervenzas, como a que forma o río Toxa á altura da parroquia de Pazos, no termo municipal de Silleda.

Consecuencias xeográficas

A formación de vales encaixados orixinou ladeiras escarpadas, con fortes pendentes, colonizadas por unha densa vexetación arbórea a base de especies caducifolias que formaron un "bosque tipo galería" conectado ao bosque ripario, como poderá verse no roteiro programado para o 27 de decembro. Ao seren espazos con tanta pendente non foron ocupados polas aldeas, que se situaron alonxadas dos profundos cursos de auga.

Compartir el artículo

stats