Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Vilar: "Sempre digo que en FARO foi onde dei o primeiro estirón como xornalista"

O escritor cercedense Ramón Vilar é o gañador do XX Premio Reimóndez Portela

Ramón Vilar, premiado co Reimóndez Portela. // Distrito Xermar

O amor cara ao xornalismo levou a Ramón Vilar a presentarse ao Premio Manuel Reimóndez Portela, que acaba de gañar. Coa ilusión propia de galardoado, o escritor asegura con contudencia que "o meu único proxecto é intentar vivir cada día". O futuro é incerto pero o presente debuxa a Vilar como un artista das palabras.

- Que dimensión ten para vostede gañar o Reimóndez Portela?

- É unha dobre felicidade porque agora estou un pouco máis apartado do mundo xornalístico, como nunha segunda fila. Sigo colaborando con medios pero non me dedico exclusivamente a ser redactor coma antes. É unha maneira de seguir enganchado a un oficio que para min é marabilloso.

- Como decidiu presentarse?

- Coñecíao dende hai moitos anos aínda que nunca me presentara. E agora parecíame que as miñas colaboracións podían encaixar co espírito que tiña o premio, un xornalismo algo máis literario.

- Volta a A Estrada despois de varios anos. Como recorda o tempo en que traballou en FARO?

- Recórdoos como uns anos boísimos persoalmente. Sempre digo que en FARO foi onde dei o primeiro estirón como xornalista, é dicir, nunha redacción. En Lalín tiven uns compañeiros increíbles e recordo aquela etapa, de verdade, como moi boa. Eu non levaba A Estrada porque me encargaba das noticias de Silleda e Vila de Cruces pero recordo vir moitas veces a cubrir o Estradense. O certo é que a etapa de Lalín, e do Deza en xeral, para min é inolvidable tanto persoal como profesionalmente.

- Atrévese a contarnos algunha anécdota daqueles anos?

- En A Estrada pasoume algo moi simpático cando fun cubrir un partido de fútbol. No estadio dixeron por megafonía quen arbitraba e o nome do colexiado era dun curmán meu de A Coruña. A miña compañeira, ao escoitalo, díxome "ese é teu primo" e eu contesteille que calara boca porque a saber como remataba aquelo. E efectivamente... Acabou meu curmán metido nos vestiarios a Garda Civil alí escoltando e moi mal pero? Unha desas anécdotas que as recordas con moita gracia.

- Tamén é escritor. Sería quen de escoller entre o xornalismo e a literatura?

- Non che nego que boto moitísimo de menos o xornalismo, con todo o queime que ten este traballo detrás. É unha profesión para acabar no psiquiátrico moitas veces pero boto moitísimo de menos esa necesidade urxente de escribir e de contalo xa. A literatura é outra cousa, é moi parecida ao xornalismo pero a diferenza son os tempos.

Compartir el artículo

stats