Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Capitán Gosende descobre un petróglifo en Figueiroa

Bautizado como "Petróglifo da Lomba de Castrodiz", localízase entre o coto de Castrodiz e o cotarelo do Outeiro do Mestre

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo da Lomba de Castrodiz.

O domingo 19 de xullo, os exploradores de Capitán Gosende descubriron un novo gravado rupestre no concello de Cerdedo. O achado, bautizado co nome de "Petróglifo da Lomba de Castrodiz" (coordenadas.- X: 547.925; Y: 4.710.855; alt.: 586 m), localízase na parroquia de Figueiroa, a medio camiño entre o coto de Castrodiz (situado a 345 m cara ao NO) e o cotarelo do Outeiro do Mestre (situado a 310 cara ao S), e a uns 620 m, en liña recta e cara ao NE, da estrada de Cerdedo a Castro (PO-7103). No alto de Castrodiz estreman as parroquias de Castro e Figueiroa.

Tallado sobre pedra de gran fino, o panel componse duns dez elementos circulares: círculos concéntricos incompletos con coviña central. Un dos elementos acada as catro voltas e outros dous complétanse con apéndices radiais. O lenzo pétreo presenta, en xeral, un avanzado estado de luimento con zonas de esportelamento. A laxa mostra, a maiores, sinais de rotura por extracción (canteira), polo que, con certeza, a inscultura é apenas un fragmento da orixinal.

A zona na que se atopou o petróglifo posúe un alto valor arqueolóxico, xa que no triángulo Castrodiz-Outeiro do Mestre-Alto da Eiriña, a Dirección Xeral de Patrimonio catalogou un castro, un petróglifo e unha mámoa, respectivamente. Tanto o castro coma a mámoa padeceron (e padecen), segundo Patrimonio, graves alteracións por mor da actividade agrícola-forestal. Ningúnha das tres estacións arqueolóxicas está debidamente sinalizada.

O sochán de Castrodiz agocha un depósito da Idade do Ferro. Amais do recinto castrexo, o pico de Castrodiz (631 m), loado polo poeta Otero Espasandín (1900-1987), é, no eido mitolóxico, un dos nemetóns cerdedenses. No cume da montaña, cómpre salientar o penedo denominado a Cara do Mouro que, segundo o pobo, permite o acceso ás galerías soterradas do castro. Secomasí, hoxe por hoxe, a ascensión é tarefa difícil por mor da mesta e afiada matogueira.

A uns 600 m cara ao SE de Castrodiz, no Outeiro do Mestre (605 m), consérvase un dos gravados rupestres máis rechamantes do concello de Cerdedo. Consonte a descrición dos arqueólogos de Patrimonio (2001): "O grupo de gravados componse dun motivo principal con tres grupos de círculos concéntricos e disimétricos con cazoleta central, entrelazados entre si, configurando un motivo de gran plasticidade que definimos como de tipo "castañola"".

Hai quen defende que a denominación "Outeiro do Mestre" alude o seu descubridor, pois, alá na década dos vinte do pasado século, o propio Otero Espasandín, mestre e afeccionado á arqueoloxía, antecedeunos na teima por dar a coñecer o que outros prefiren ignorar.

Coa descuberta do petróglifo da Lomba de Castrodiz, o número de gravados rupestres localizados en Cerdedo ascende a vinte e seis. Catorce dos vinte e seis foron atopados polo colectivo Capitán Gosende.

Compartir el artículo

stats