A penas quedan indicios da existencia do Castro de Santiso no terreo, a non ser un débil terraplén polo lado ESE e a dispersión de cerámicas pola croa adiante, que nos permiten determinar a área de ocupación do castro. Para chegar a un estado como o actual tiveron que pasar moitas cousas ao longo do tempo e podémolas periodizar en dúas fases: A que corresponde ás prácticas agrícolas tradicionais e a que ven trala mecanización do campo, seguida da primeira concentración parcelaria aprobada no concello de Lalín arredor do ano 1988 (concentracións de Méixome e Santiso).

Durante o período da agricultura tradicional o castro estaba afectado polo minifundismo e dividido en varias parcelas (leiras) que foron cultivadas polo sistema de "rotación dos agros" (cultivos alternativos por anos). Estas practicas agrícolas foron bastante conservacionistas, porque o laboreo do solo realizábase con arado común tirado por vacas e complementábase co traballo manual "á sacha". A existencia de varias parcelas dentro da croa, delimitadas por marcos, tamén obrigaba aos seus propietarios a manter o espazo agrícola sen cambios (non se podían cerrar as fincas e había que respectar os pasos de sevidume). Os propietarios destas parcelas non podían variar as condicións de uso: "Ao agro un ano tocáballe millo, ao seguinte centeo..., pero todos tiñan que botar o mesmo cultivo, senón non había por onde pasar".

No contexto agrícola tradicional o castro non sufriu grandes modificacións pero, tamén, hai que ter en conta que pola súa morfoloxía presentaba diferencias notorias con respecto a outros castros do contorno. Este era un asentamento de chaira, parecido ao de Filgueira (Pena da Cunca), con estruturas simples e sen que se notara na paisaxe como un lugar destacado. Todo apunta a que fora un castro, posiblemente, rodeado por unha o varias liñas de "sebes" (valo formado con estacas, ramas e varas entrelazadas que serven de cerca) colocadas sobre unha gabia e cun foxo perimetral externo, como primeira liña de protección. A conservación destas estruturas defensivas obrigaba aos habitantes do castro a un traballo continuado, especialmente a "sebe" que, ao ser de madeira e estar exposta ás inclemencias do tempo, duraba poucos anos.

Un castro de "calvelo"

O castro de Santiso estaba ubicado dentro do frondoso bosque caducifolio, a carballeira, que proporcionaba abundante madeira para a construcción de sebes e para a súa reposición, cando era necesario. A madeira era o recurso máis cercano e abundante do que dispoñían os castrexos daquel lugar, no que se atopaba unha das carballeiras máis grandes da zona debido as súas condicións orográficas, climáticas e edafolóxicas. A deforestación do bosque (carballeira) do contorno do castro cumpriu con varias funcións: proporcionou combustible (leña para as lareiras), permitiu a conquista de terras para a agricultura, empregouse na construcción de sebes para protección do poboado, etc.

As condicións ambientais da chaira de Santiso, enmarcada polo arroio de Lamas ao NO e o de Laxe ao SE, a unha altura media de 550 metros, ideal para o desenvolvemento da carballeira, condicionaron totalmente este asentamento castrexo, que se adaptou a esta situación distinta a de aqueles castros situados en ladeiras, cima de outeiros, remate de lombas, etc. O castro de Santiso era, polos condicionantes do medio, diferente dos que se atopaban polos seus arredores (Méixome, Noceda, Anzo, Madriñán, Bendoiro, etc.)

Ata a mecanización do campo o castro de Santiso, de reducidas estrutruras (gabias formadas por un muro de terra e un foxo), mantívose nun estado de conservación aceptable, pese a existencia dun "camiño de carro", en realidade un Camiño Real (CR) que pasaba a carón do recinto polo lado NO, pero esta situación mudou unha vez que os tractores empezaron a labrar as terras a maior profundidade. "A primeira vez que metemos un tractor para arar a finca que tiñamos no castro, quedamos sorprendidos porque, nunha desas, o arado levantou dúas pedras grandes e dabaixo delas había cacharros de barro con cinzas dentro. Pensamos que podía ser un tesouro e miramos ben, levantando as pedras á man, pero non atopamos nada máis en especial. Puxemos as pedras no seu sitio e tapamos todo, deixándoo como estaba, antes de continuar co traballo". A maquinaria permitiu realizar traballos máis profundos e isto afectou aos restos arqueolóxicos enterrados, que empezaron a sair á superficie, iniciando o seu proceso de alteración.

O Camiño dos Casteláns

O uso de maquinaria durante varios anos incrementou os danos ao xacemento pero o peor chegou coa concentración parcelaria dos anos 90, a primeira que se levou a cabo no concello. Cambiou o parcelario na zona do Castro, pasando de seis fincas a tan só unha e isto repercutiu, de inmediato, na eliminación dos lindeiros. A nova finca estaba lista para novas agresións con tractores da maior potencia e, tanto o camiño de carro, que bordeaba o castro, como os restos de gabias, desapareceron ao instante. Con respecto ao "camiño de carro", que pasaba a carón do castro, convén aclarar que, en realidade, tratábase do antigo Camiño Real que viña desde Ponte Vilariño, pasando por O Castelo, Palmou, Bermés, Santiso, Bendoiro, ata enlazar en Prado co Camiño Real Ourense-Santiago. Localmente, era coñecido polo "Camiño dos Casteláns": "Por detrás do castro pasaba o Camiño dos Castellanos, que aínda daba unha pequena volta para non meterse nel. A concentración parcelaria desfíxo o castro e o camiño". Onde houbo un "castro de chaira" quedou, o seu sitio, convertido nunha leira grande adecuada para cultivos intensivos ou para facer nela unha pradería, en función das nedesidades do momento.

Desapareceu o castro de Santiso, pero na memoria dalgúns veciños sempre se recordará algo: "Cando eramos rapaces andabamos polas fincas do castro e alí aparecían pedriñas redondeadas, que nos servían para xogar. Habíaas de varios tamaños e podíanse escoller as que nos parecesen mellores".