Unha das primeiras leccións que cómpre asumir na política é que a propaganda é máis dócil cás ovellas, pero a realidade é máis testuda cás mulas. Por iso é necesario aprender, nesta España que nos tocou malvivir, que a propaganda de Montoro é dócil e préstase a cantas componendas un queira, pero a realidade é teimuda e dura, e cando Cáritas, nada sospeitosa de lle querer facer o caldo gordo á oposición, mostra os datos que mostra é que esa realidade ha ser por forza non dura, senón durísima.

Coido que para ninguén que teña unha mínima capacidade de análise sen deixarse levar pola propaganda política é obvio que a desigualdade social, é dicir, a brecha entre ricos e pobres, está máis aberta ca nunca neste país. Só un dato, un único dato dos que achega Cáritas, é para botar as mans á cabeza: somos o segundo país europeo con máis pobreza infantil, tan só por detrás de Rumania e con máis dun 30 % de nenos afectados. Isto quere dicir que un de cada tres españois dos que dentro de vinte e poucos anos terán que traballar, construír e dirixir o noso país está hoxe en risco de exclusión ou mesmo de marxinalidade. Un dato, xa digo, tremendo por si só.

Se a iso lle engadimos a cantidade de fogares que hoxe viven tan só da pensión dos anciáns, que ademais tamén viron aumentado o seu nivel de pobreza, o panorama é totalmente desalentador. Este goberno, que lle botaba en cara ó anterior as axudas ós bancos e chegou a dicir que eles nunca lles axudarían, porque primeiro había que axudar o cidadán antes que os bancos, pouco antes de lle meter miles de millóns no seu caixón, segue negando unha realidade que nos abafa e enfronta, grosso modo, por un lado, a banqueiros que se xubilan con pensións de oitos cifras, e polo outro a nenos que se desmaian no colexio porque na súa casa comen unha vez ó día o día que comen.

Tamén están as inauditas estatísticas de abandono escolar e o que iso conleva: as xeracións de mozos sen traballo que non poderán acceder a unha xubilación. O macanudo do tema é que non só Cáritas, senón un propio informe do Estado confirma esta situación que, segundo Montoro, basénse en estatísticas, pero esas estatísticas foron sacadas precisamente do Instituto Nacional de Estadística, dependente do Ministerio de Economía e outro informe presentado pola ministra Ana Mato dicía literalmente que a pobreza infantil afectaba a algo máis de 2,2 millóns de menores en España, 300.000 máis ca no ano 2008.

aínda o máis macanudo é que, segundo unha estimación da propia Cáritas, rescatar os 700.000 fogares sen ningún ingreso que hai neste país chamado España custaría a metade que salvar as autoestrada. Fálase, claro está, de rematar coa pobreza severa, algo que é claramente asumible á vista deste dato. Pero, coma sempre, as persoas son menos importantes cós bancos ou cás grandes infraestruturas. ¡Que mágoa nacer persoa e non banqueiro ou autoestrada!

*Presidente de Foro Forcarei