A morte de Hugo Chávez levantou, como era de esperar, sentimentos encontrados na opinión pública. Dun lado están aqueles sectores que recoñecen unha importante mellora no nivel de vida dos venezolanos dende a súa chegada ao poder, hai 13 anos, reducindo a pobreza un 44%; doutro, os que o cualifican de ditador e consideran que no país caribeño non hai democracia de seu.

Non obstante, e atendendo a que a ignorancia só xulga, nunca observa, cómpre subliñar que existe unha realidade que non admite cuestionamentos: a das cifras. Chávez subeu o gasto social ao 60% de todos os ingresos nacionais percibidos, mentres en España, no 2010, foi do 25,7 por cento; 14 millóns de venezolanos ten aceso a alimentos subsidiados polo Estado, en tanto que aquí miles de cidadáns dependen da caridade dos comedores sociais privados para subsistiren. Dende 2011 o goberno venezolano repartiu 146.000 vivendas aos máis empobrecidos; nós sufrimos 526 desafiuzamentos diarios.

Doutra banda, está claro que o odio a Chávez entre amplas capas da poboación ten moito que ver coas furibundas campañas mediáticas propiciadas por influíntes lobbies, sobre todo estadounidenses, na teima por demonizar a un presidente que controlaba o segundo país coas maiores reservas de petróleo do mundo. O líder bolivariano detivo a ofensiva neoliberal en Venezuela e nacionalizou sectores estratéxicos, iniciou unha reforma agraria coa entrega dun millón de hectáreas de terras aos pobos aboríxenes e estableceu un salario mínimo, educación e sanidade gratuitas (entre 2005 e 2012 creáronse 7.873 novos centros médicos).

Ademais, a taxa de mortalidade infantil caeu pola metade, o analfabetismo foi erradicado e o número de profesores multiplicouse por cinco. En definitiva, Chávez puxo en marcha a construción dun Estado moderno e recuperou a soberanía nacional sobre as riquezas do país caribeño.

Un dos puntos máis recorridos polos críticos co seu goberno foi o relativo ao control dos medios e á falla de liberdade de expresión. Nada máis lonxe da realidade: Ignacio Ramonet e Jean-Luc Mélenchon, nun texto acerca da campaña mediática contra Chávez escrito nas vésperas das eleccións presidenciais de outubro pasado, onde foi reelecto para un terceiro mandato consecutivo co 55,08% dos votos, subliñan que de 11 canais de televisión, 61 son privados, 37 comunitarios e tan só 13 públicos. O mesmo escenario se repite nos medios radiofónicos, en tanto que na imprensa escrita, o 80% está nas mans da oposición, sendo que os xornais diarios máis influentes -El Universal e El Nacional- son abertamente contrarios ao goberno.

Chávez quedará como o líder que máis fixo por mellorar as condicións de vida dos venezolanos máis desfavorecidos e o que máis traballou pola unidade latinoamericana, avivando a esperanza de que un mundo máis xusto é posible. Quixo construír unha sociedade alternativa ao capitalismo, máis igualitaria, máis xusta e onde os cidadáns sexan os protagonistas da historia do seu país.

Tampouco respondía á imaxe histriónica que os mercadores do caos quixeron transmitir del ao resto do mundo, senón que se trataba dun líder intelixente para quen a utopía sempre é posible, aínda nun mundo controlado por forzas moi poderosas no plano internacional.