EN DIRECTO

Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo

O lugar agocha secredos que cautivaron e inspiraron no seu día ao escritor e intelectual galego Otero Espasandín

 12:46  
A pedra do mouro, selado acceso á Cova dos Mouros.
A pedra do mouro, selado acceso á Cova dos Mouros. 

O mozo Otero Espasandín, "galeguista, republicano, poeta, mestre, misioneiro pedagóxico, xornalista ou soldado", "o poeta sen libro", adoito investiu o seu lecer na redonda de Castrodiz. Cecais, sentou na mesma pedra onde nós fixemos pouso na excursión que fixemos o día 27 por este recuncho. Cecais, coma nós, fixo reconto, a voo de paxaro, de aldeas e lugares. Cecais, naquela vegada derradeira, chorou pola súa sorte e pola sorte do seu pobo. Coñezan as xeracións novas de Terra de Montes a vida e obra deste intelectual galego, fillo de Cerdedo.

CALROS SOLLA - CERDEDO O picouto de Castrodiz érguese fachón na marusía verdecente de Cerdedo. Des o alto, no cóncavo hemiciclo da Eira dos Mouros, 631 metros sobre o horizonte das rías, os ollos aseñóranse de quintas e rueiros, eidos e carballeiras, lombas e valiñas ribeirás..., e a nosa terra semella nosa: "A Conla mira pró Campo, Pedrouzos prá Forcarei, o Seixo mira pra Ourense; Castrodiz no medio, o rei", escribiría o admirado Manuel Monteagudo, cronista da freguesía de Castro.
Cara ao sueste, o dédalo pétreo do outeiro do Mestre –círculos concéntricos tipo "castañola"–, as corcovas do máxico Seixo, a Laxamoura; tellados de Meilide, Lourido, Limeres... Cara ao sudoeste, albíscanse Pedre e O Serrapio –sagro coto das Insuas–. Cara ao leste, Bugarín, Vilarchán, Mamoalba rechamante. Cara ao noroeste, as citanias do terrón de Quireza. Cara ao nordés, Tomonde, veiga largacía. Cara ao leste, o alto da Eiriña e Pedrouzos –necropóles megalíticas– agochan o máis do territorio... E a vista recréase no valse tardo do miñato; o oído, nas voces lontanas que aboian na néboa; enláganse as ventas co adozado cheirume dunha primavera en cío.
O domingo, 27 de maio, xeira bretemosa, ascendemos Castrodiz. Pebideiro da lenda, a exuberante deusa Maia tendeu ao noso paso unha alfombra de xorima en arrecendo.
Devasas de recente feitura facilitaron a angueira, mais, para acceder á croa do castro, houbemos de arrodear o foxo atuído pola fronde, primeira liña de defensa. Salvado o atranco, entre toxeiras e penedos lañados pola xistra, atinximos o cimeiro murado.
Como adoita acontecer, a ledicia non foi completa. Alí, no sanctasanctórum, no escenario dos prodixios mil, un arruinado pendello de bloque, destellado e amordicado polo ventimperio, aldraxaba irreverente a herdanza dos devanceiros.
Maldicimos a fada do pobo galego. Aínda que carecentes de apeiros, cumpriunos conter o arrouto de derrubar aquela inmundicia, aquel espanto. Non haberá en Cerdedo quen redima o selleiro Castrodiz dos seus farrapos? Cando nos decataremos de que o celme do noso patrimonio campa fóra da taxidermia dos museos?
De costas ao casebre, sentamos nun penedo, tentando achar conforto na privilexiada panorámica. Imaxinei o eximio poeta Otero Espasandín, inmorredoiro, galgando as encostas do montiño na descuberta dos vestixios prehistóricos, ao asexo da galiña dos pitos de ouro, na procura da entrada da cova na que, segundo a tradición, agochou a mouramia as súas riquezas. Acirrado pola emoción, declamei alto os versos do noso vate: "Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo!". A anta de Dombate sobrancea na lírica de Pondal, así o coto de Castrodiz no legado literario de Otero Espasandín.
Nas biografías que do noso persoeiro fixeron Dionísio Pereira (2004) ou María Cuquejo Enríquez (2006), lemos que Xosé Roxelio Otero Espasandín veu ao mundo "co cantar dos galos" o 8 de Santos de 1990, na freguesía cerdedense de Santa Baia de Castro, fondal de Castrodiz.
No ano 1921, tras acadar o título de mestre, cumpre quenda de recruta no convulso Marrocos onde cadra, entre outros, con Rafael Dieste, principiando unha longa e froitosa amizade.
No ano 1923, xa de volta na Galiza, exerce a docencia en Ribeira, asinando, asemade, colaboracións en diversas cabeceiras do país. En 1929, témolo en Madrid, na Escola Superior de Maxisterio, especializándose en ciencias. En Madrid coñece a Alicia Ortiz Alonso coa que casará. Nesta época, a carón de Dieste, desenvolve por España adiante o proxecto educativo das Misións Pedagóxicas e dirixe a revista P.A.N. (1935).
Mobilizado no bando fidel á República cando o golpe militar franquista, viuse obrigado, no ano 39, a cruzar a fronteira de Francia. Otero Espasandín, na compaña de Dieste, cataba o fel do expatriado coa súa regra de cálculo como única pertenza. As autoridades francesas confínano, xunto con outros corenta mil refuxiados republicanos, no campo de concentración de Saint-Cyprien.
A Guerra Civil impediu ver impresa a súa colección de poemas "Alfabeto" que denantes remitira a Bouza Brei para a súa publicación na revista "Nós". A poética de Otero Espasandín, de xorne tradicional, é, ao tempo, debedora do hilozoísmo amadocarballista e da vangarda manuelantoniana.
Tras a súa liberación, Otero Espasandín viaxa a Inglaterra ao encontro da súa muller. Alí residen tres anos, decote sobresaltados polo trebón das bombas alemás. De Inglaterra pasan a Arxentina (1941), reclamados por Dieste, onde moran outros seis anos, e, finalmente, Estados Unidos (1947).
Após unha existencia atafegada de estudo e traballo, Otero Espasandín falecerá o 15 de outubro de 1987 (Washington), sen ter voltado a Galiza. Malia todo, dende o desesperanzado arredamento, xamais nunca esquecería os predios da súa nenez: "Castrodiz, castro amigo en terras de Cerdedo: Nacín á túa beira, soñei coas túas lendas sendo neno". O poema "Pico de Castrodiz" escribirao en Bos Aires no ano 1942. O poema "Pontes do Lérez", en Pennsylvania, no ano 1950.
Segundo testemuños recadados, en Castrodiz, unha porta de pedra pecha a entrada da Cova dos Mouros. Xacando, impelidos ao éxodo, os mouros gardaron o cadal no seo da peneda, mais, celosos do seu, aconchegaron volumoso callimbro para preservalo da cobiza humana.
O lugar é doadamente recoñecíbel, pois, como levaba anotado, o rei mouro labrou o perfil da súa face na lousa canceleira. Recoñezo que, fronte ao mouro petrificado, berrei aquilo de "Ábrete Sésamo!!", por se for acaída a fórmula de Alí Babá, mais non obrou marabilla.
O mozo Otero Espasandín, "galeguista, republicano, poeta, mestre, misioneiro pedagóxico, xornalista ou soldado", "o poeta sen libro", adoito investiu o seu lecer na redonda de Castrodiz. Cecais, sentou na mesma pedra onde nós fixemos pouso. Cecais, coma nós, fixo reconto, a voo de paxaro, de aldeas e lugares. Cecais, naquela vegada derradeira, chorou pola súa sorte e pola sorte do seu pobo.
Vida errante e atribulada dun bo e xeneroso, dun dos nosos. Maos tempos aqueles para a intelixencia: ausentábase a flor da Galiza mentres a barbarie fascista incoaba a deseca da nosa identidade. Dende o afastamento forzoso, rebordado pola señardade, Otero Espasandín pregoulle á sagra montaña "metro e medio de chan" onde dispor a cova: Castrodiz, moradía eterna a un pasiño do ceo. Derradeira vontade do poeta aínda non satisfeita. Porén, no curuto de Castrodiz, un pardiñeiro de bloque érguese indolente no metro e medio de terra prometida.
Coñezan as xeracións novas de Terra de Montes a vida e obra deste intelectual galego, fillo de Cerdedo, que, rexo nos seus libérrimos ideais, preferiu as estreiteces do exilio antes de sucumbir á negrura confortábel do silencio cómplice: "Sempre soñando co imposible regreso, desterrado da súa Galicia, ferido de melancolía e de saudade, coa memoria viva da terra perdida e a súa imaxe no corazón que soña".

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya