A Plataforma Cidadá Queremos Galego Deza e maila Asociación Cultural O Naranxo organizan actividades con motivo da celebración, o vindeiro martes, do Día das Letras Galegas. Unha concentración con lectura de poemas e reivindicación do idioma, unha ruta dunha semana por rúas e comercios de Lalín e unha conferencia son os principais eventos programados por estes colectivos; botan de menos a implicación do Concello, que xa o ano pasado deixara pasar o día sen pena nin gloria.

Desde mañá ata o día 21 celebrarase o Roteiro Lois Pereiro, centrado na figura do "poeta urbano" a quen se dedica este ano o Día das Letras. Quen desexe acercarse á obra de Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996) encontrará algúns dos seus textos colocados en distintos establecementos e rúas de Lalín. A Avenida Luis González Taboada estará "invadida" polo poema Que é Galicia?, xa que 26 comercios desta rúa levarán unha das letras do abecedario coa definición que ofrece o autor sobre a nosa terra. Outros oito poemas aparecerán noutros tantos puntos e locais da vila. O deseño gráfico das composicións líricas leva as sinaturas de Armindo Salgueiro, Inacio Vilariño, Misha Bies Golas, Nicol Alvarellos, Hector Candilianieri, Luis Jimi Blanco e Luis Luchi Iglesias.

Os dos últimos presentaron onte os actos, canda Luis Couto e Marta Negro. Anunciaron unha concentración á carón da estatua de Ramón Mª Aller Ulloa, na Praza da Igrexa, como o acto central do día 17. Será ao mediodía, en paralelo ás que van ter lugar á mesma hora distintas localidades galegas para "facer chegar a marea expansiva en defensa da lingua a todos os lugares do país". So o lema xenérico "Paremos os ataques contra o galego, terán lugar tanto no país coma en diferentes puntos do exterior cunha importante presenza da emigración galega máis de medio cento de actos reivindicativos nos que se lerán textos de Pereiro e de Castelao a prol do galego, así como un manifesto común no que se denuncian os "retrocesos" vividos en política lingüística desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta. En Lalín intervirán cinco escritores do municipio o vinculados a el: Chus Pato, Xabier Quiroga, Celso Fernández, Xosé Vázquez Pintor e Carlos Negro, que tamén lerán creacións propias. Inacio Vilariño representará un espectáculo dramático. E a organización invita a xente a acudir e a tomar a palabra. Os actos trasladaranse ao Casino de Lalín en caso de choiva.

A conferencia de Antón Losada, prevista inicialmente para hoxe, posponse ata o próximo xoves, día 19, por problemas de axenda do profesor, analista político e xornalista. A súa charla leva por título Que foi da Galicia de Lois? e nela disertará acerca do que fora o seu amigo Lois Pereiro e do contraste entre a súa visión do país e a actualidade. Será a partir das 20:30 horas no IES Aller Ulloa.