A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle o 11 e 12 de novembro as VIII Xornadas de Vacún de Leite que organiza Seragro. Entre os ponentes figura Francisco Sesto, veterinario lalinense que disertará sobre o control e prevención de mamitis ambientais e contaxiosas. Sesto é, dende hai 10 anos, xefe de Calidade do Leite desta sociedade con sede en Ames que ofrece servizos técnicos e de control ás explotacións gandeiras. No caso do departamento de Sesto, realízanse visitas mensuais a 270 granxas de toda a comunidade, que teñen entre 9 e 350 animais.

-Cales son as causas máis comúns dunha mamite?

-Normalmente inflúen os equipos de ordeño e tamén a alimentación, en concreto a conservación dos silos de herba ou de millo. Sempre insisto en que, cando nunha explotación gandeira se dan varios casos de mamite, non se trata dun xerme, senón de que algo falla ou se atopa en mal estado, afectando ás reses máis débiles. Por iso é importante realizar revisións periódicas para rebaixar o máximo posible a incidencia do mal.

-Como se detecta esta enfermidade?

-Ademais da alteración no leite -que non se entrega para o consumo- o animal presenta unha inflamación do cuarterón e deixa de comer, chegando incluso a ter febre. Trátase sobre todo de síntomas locais que, se se tarda moito en intervir, ata pode ocasionar a morte do animal. O normal é que supere ese proceso e que a glándula volva producir leite, aínda que nalgúns casos sexa en menor cantidade.

-Tanto dende Seragro como dende o Observatorio do Sector Lácteo se fan revisións da calidade do leite. Como calificaría o produto da comarca do Deza e de Galicia?

-Penso que a calidade do leite galego é similar ao doutras zonas de Europa. Nas memorias anuais do Observatorio resáltanse os niveis de calidade das nosas granxas, e isto demóstrase en que boa parte delas figuran no Rexistro de Explotacións Galegas de Calidade Diferenciada, onde se analizan cuestións como as células somáticas ou as colonias de xermes. Polo que respecta á comarca, penso que as explotacións dezás se atopan na media.

-Vostede indica que, ademais do correcto funcionamento da sala de ordeño, hai que vixiar tamén a alimentación do gando. Xa que estamos nunha comarca con moitas granxas en intensivo, que hai que ter en conta á hora de facer un silo?

- É moi importante a climatoloxía, porque tanto a herba como o millo que se van ensilar deben ir o máis secos posible. Recalcamos que, ademais das análises nutritivas dos silos, tamén é importante facer exames microbiolóxicos para detectar a presenza de levaduras, mofos ou polas bacterias E.coli ou Clostridium perfringens. As levaduras e o E.coli son os que dan maiores problemas á hora de que o silo compacte ben. Incluso, no caso das levaduras, ás veces ata se desenvolven na planta en verde.

-En Rodeiro téñense dado casos de animais mortos por inxerir silo afectado por Clostridium, polo visto moi presente no chan deste concello. Como se poden evitar máis incidentes?

-Pódese sementar igual nas terras, pero tendo moi en conta a climatoloxía á hora de recoller a herba ou o millo. Tamén é preciso facer analíticas periódicas do ensilado para comprobar que está ben. E, no peor dos casos, se se detecta que un silo está moi infectado desta ou doutras bacterias, é mellor que non se aproveite. A longo prazo, o gandeiro aforrará diñeiro se desbota todo o silo, e non só a parte que está contaminada.